Mércores, 2 Xullo de 2025

200 ciclistas disputarán este domingo a III “Enduro Faro de Budiño”

A proba, organizada pola Asociación Deportiva A Forna coa colaboración do Concello do Porriño, está incluída no calendario da Copa de Galicia de Enduro

Un total de 200 deportistas participarán este domingo, día 10 de abril, na terceira edición da “Enduro Faro de Budiño”. O evento deportivo, organizado pola Asociación Deportiva A Forna en colaboración co Concello do Porriño, foi presentada onte pola mañá polo alcalde, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, e representantes da organización, Eloy Hermida e Manuel del Gesso, que ademais participará na categoría Master 30.

Eloy Hermida explicou que a proba, incluida na Copa de Galicia de Enduro, “disputarase na parroquia de Budiño e constará de 5 tramos de enlace e 5 cronometrados individuais que entre eles sumarán unha distancia aproximada de 30 km e desnivel positivo de 1200 m”.  

Serán nove as categorías que aglutinarán aos participantes na proba da que os organizadores destacaron a “súa vistosidade”.

O concelleiro de Deportes, destacou que “para o Concello do Porriño todas as modalidades deportivas son igual de importantes”  e tamén o feito de que “se leve a cabo na parroquia de Budiño, que conta cun entorno impresionante. O Faro de Budiño é un bo escenario para este tipo de probas”.

O edil explicou que un dos obxectivos do novo executivo é levar o deporte ás parroquias e reiterou o apoio do Concello á AD A Forna en todas as iniciativas deportivas que propoña. “Este é o inicio dunha relación, entre o Concello e o club,  que ten que durar moitos anos porque estou seguro que vai ser un club moi importante neste concello”.

No mesmo sentido se expresou o Alcalde, que reiterou o seu apoio á AD A Forna e salientou o “gran traballo que fan”. “O Concello do Porriño seguirá apoiando o Deporte, abrindo os eventos deportivos a todo o termo municipal”, concluíu o Lorenzo, “Por iso vos animo a todos e todas a disfrutar este domingo da proba en Budiño e apoiar así a práctica deportiva e en especial á AD A Forna”.