11 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaMosUn prestixioso premio de arquitectura máis podería recaer en Mos

    Un prestixioso premio de arquitectura máis podería recaer en Mos

    A Cidade Deportiva do RC Celta Afouteza, en Pereiras, entre os finalistas da Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo

    O Concello de Mos celebra incorporar a Cidade Deportiva Afouteza, candidato a un prestixioso premio de arquitectura. Tras o premio Gran de Area, do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia para o Centro Dotacional do Medio Rural de Torroso, e os premios da Escola Infantil A Galiña Azul da Veigadaña, proxecto da arquitecta mosense Estefanía Grandal xunto con Faustino Patiño e Juan Ignacio Prieto, tamén do COAG na Categoría de Equipamentos en 2019 e dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación 2020 da Xunta de Galicia; chega agora o recoñecemento á Cidade Deportiva Afouteza, finalista da Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo.

    A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, manifestábase esta mañá “orgullosa e emocionada ante o feito de que a arquitectura mosense sexa unha vez máis recoñecida e posta en valor; de xeito que sigamos a posicionarnos e ser recoñecidos como un municipio que acolle e fomenta proxectos innovadores, prestioxiosos e de calidade, baseados nunha arquitectura funcional, respectuosa e moderna”.

    A Cidade Deportiva do RC Celta recibe un prestixioso recoñecemento, a nivel nacional, como actuación innovadora, respectuosa co medioambiente e de marcada calidade. Afouteza foi elixida finalista na Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo (BEAU) dos últimos tres anos.

    De entre as 600 propostas presentadas, 70, entre elas a cidade deportiva celeste, alcanzaron a final nesta XV edición da bienal que, baixo o lema ‘España baleira, España chea. Estratexias de conciliación’, expoñerase do 28 de xuño ao 16 de setembro no Pavillón de Barcelona e do 2 de xullo ao 23 de setembro no Museo Patio Herreriano de Valladolid.

    A pouco máis dun mes da súa inauguración, a BEAU presentou estes primeiros resultados da convocatoria ‘Panorama de Obras de Arquitectura e Urbanismo’, que premiará o máis relevante da arquitectura e o urbanismo do últimos tres anos, de 2018 a 2020, cunha selección de 20 proxectos que se darán a coñecer como punto de partida desta XV BEAU.

    Entre as preto de 600 propostas presentadas, 100 proxectos resultaron seleccionados e 70 foron elixidos finalistas para unha cita cultural convocada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a través da Dirección Xeral de Axenda Urbana e Arquitectura en colaboración co Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España (CSCAE) e a Fundación Arquia, que ten o obxectivo de servir de punto de encontro entre a cidadanía, a arquitectura e o urbanismo e reivindicar o valor social de ambas as disciplinas.

    Elixidas segundo criterios de calidade, pertinencia, vocación social e cultural ou innovación, as obras seleccionadas e finalistas desta convocatoria reflicten, segundo o equipo de comisarios formado por Óscar Miguel Ares, Anna Bach e Eugeni Bach “non só o excelente traballo arquitectónico, paisaxístico e urbanístico dun gran número de profesionais, senón tamén o estado actual da arquitectura no noso país”.

    Xunto ao director xeral de Axenda urbana e Arquitectura, Iñaqui Carniceiro, Marta Vall-Llossera, a vicepresidenta primeira de CSCAE, e Naiara Montero, arquitecta e patroa da Fundación Arquia, o equipo de comisarios da XV BEAU formou parte dun xurado ao que se uniron outros destacados profesionais como Stephen Bates, Véronique Patteeuw, María Castrillo, Carmen Moreno e Alberto Veiga.

    A primeira fase da cidade deportiva celeste, proxecto dos arquitectos Jesús Irisarri Castro e Guadalupe Piñera Manso, conta con dous campos de fútbol e zona de tecnificación e instalacións interiores con vestiarios, ximnasio, sala de fisioterapia, oficinas, sala de prensa, set de televisión, comedor, etc. A Cidade Deportiva Afouteza é un proxecto innovador e sostible que aúna deporte, lecer e natureza. Durante a súa construción, baseada na arquitectura bioclimática, respectouse ao máximo a contorna, gardando un equilibrio coa paisaxe. Ademais, a edificación é autosuficiente desde o punto de vista da utilización das augas. O proxecto contempla na súa totalidade a construción de nove campos de fútbol e un edificio que crecerá ao redor deles. Esta construción dará resposta a todas as necesidades do club en todas as súas categorías, á vez que se constituirá como un novo espazo para o lecer e o entretemento.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.