Sábado, 3 Maio de 2025

Solventadas as incidencias advertidas por usuarios mosenses no servizo de transporte interurbano prestado por Monbús

Tras incidencias notificadas, por veciñanza afectada, ao Concello de Mos, respecto de horarios e paradas no Transporte Público Interurbano de Galicia que comunica Mos con municipios limítrofes como Vigo, O Porriño e outros; desde a administración local mosense trasladouse a problemática á consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia.

Por parte de Mobilidade da Xunta procedeuse a abordar o tema coa empresa de transporte prestadora do servizo, Monbús, e a realizar un exhaustivo seguemento das viaxes durante todo o pasado mes de febreiro para comprobar que o servizo funcionase ben e se cumprisen escrupulosamente horarios e paradas.

Tras realizar os pertinentes controis e comprobar que o servizo voltou á normalidade, esta mañá celebrouse no salón de sesións do Concello de Mos unha reunión a tres bandas entre administración local mosense, representantes da secretaría xeral técnica de Mobilidade, e de Monbús, para dar conta ás representantes municipais da situación real actual na que se está a prestar a día de hoxe en Mos o servizo de transporte interurbano.

Por parte do Concello de Mos asistiron á xuntanza a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Mobilidade, Julia Loureiro, e unha técnico municipal. Da secretaría xeral técnica de Mobilidade estivo presente o Secretario Xeral Técnico, Joaquín Macho Canales, xunto coa Xefa Territorial de Infraestruturas e Mobilidade, María Martínez Allegue e un técnico da consellería.

Durante a mesma informouse de que as incidencias xa se atopan solventadas e que se instalarán paneis informativos en todas as marquesinas de Mos para que todos os usuarios do transporte interurbano teñan a información correcta e actualizada sobre o mesmo. Información que, para maior coñecemento e difusión, tamén será publicada na páxina web do Concello de Mos.

As principais reclamacións dos usuarios mosenses sobre o servizo de transporte interurbano prestado por Monbús eran que non chegaba á Estación Intermodal de Vigo e que non cumpría horarios. Ámbalas dúas xa se están cumprindo totalmente na actualidade.