O Centro Dotacional de Torroso acolleu na tarde do sábado a visita da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, –á que acompañaban a concelleira de Deportes, Begoña Toucedo, e o tamén edil Alberto Méndez– para felicitar e homenaxear ao Club Xadrez Mos polos resultados obtidos nos Campionatos Provinciais de Xadrez 2020, nos que obtiveron 4 pratas, 1 ouro e 1 bronce; ademais de dúas campioas femininas.
A visita produciuse coincidindo cunha xornada da Liga Galega de Xadrez por equipos, que se disputa de xaneiro a abril durante 11 semanas, e na que os clubs xogan unha semana na casa e outra fóra.
[su_image_carousel source=”media: 11512,11511,11510,11509,11508,11507,11506″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]
O Club Xadrez Mos colidera o medalleiro da Provincia de Pontevedra nos Campionatos Provinciais 2020, empatando a 6 co Fontecarmoa de Vilagarcía. A competición contou con máis de 300 participantes e un total de 46 xogadores e xogadoras do Club Xadrez Mos representaron á localidade mosense, nestes provinciais que se celebraron os pasados 18 e 19 de Xaneiro no Auditorio Municipal de Vilagarcía.
Cun total de 6 medallas, un ouro, catro pratas e un bronce, o Xadrez Mos colidera o palmarés na provincia xunto co Fontecarmoa. Nesta ocasión, os xogadores do Club Xadrez Mos clasificados en postos de podio foron: Carlos Pérez Méndez, Subcampión Sub-8, Antonio Villot Lago, 3º Clasificado Sub-10, Alexandre Rodríguez Vieito, Campión Sub-12, Mario Bastos González, Subcampión Sub-12, Sergio Pérez Estévez, Subcampión Sub-14, e Óscar Morais Reixas, Subcampión Sub-18. A pesar da ausencia de recoñecemento feminino, desde o Club Xadrez Mos recoñecen a todas as súas participantes: “Begoña, Maia, Xela, Noa, Carmen, Antía, Alicia, Paula e Sabela. E nesta ocasión, especialmente ás Campioas: Noa Costas Senlle, Campioa Sub-12, e Paula Toucedo Morgadas, Campioa Sub-16”.
Desde a directiva do club destacan que “un ano máis, estamos moi contentos por aumentar a representación mosense na máxima competición a nivel provincial. Non só iso, senón moi orgullosos de ver como todos e todas gozaron do xadrez e mostraron un gran nivel de xogo”. E aseguran sentirse “moi orgullosos desta gran familia que é o Xadrez Mos, do gran traballo que semana tras semana realizan os nosos 46 xogadores e xogadoras, aos que animamos a seguir adestrando, e gozando deste gran deporte que nos une”.