Sábado, 3 Maio de 2025

Os servizos sociais municipais incrementan nun cento o número de usuarios por mor da crise sanitaria da Covid-19

Antes de declarase o estado de alarma eran 251 as familias beneficiarias dos diferentes programas do departamento de Benestar Social do Concello de Mos, durante o estado de alarma (de marzo a xuño) ascenderon a 352 e na actualidade son 338

Mos está a optimizar a atención ao público e o protocolo anti COVID nos servizos sociais municipais co traslado do departamento ao Multiusos que se produciu a semana pasada. Con este cambio de ubicación elimínanse ademais barreiras arquitectónicas e increméntase a comodidade para traballadores/as e usuarios/as nestas dependencias que, debido á crise sanitaria da COVID-19, viron aumentado nun cento o número de usuarios/as que reciben.

Antes de declarase o estado de alarma eran 251 as familias beneficiarias dos diferentes programas do departamento de Benestar Social do Concello de Mos, durante o estado de alarma (de marzo a xuño) ascenderon a 352 e na actualidade son 338.

Desglosando estes datos por programas, especificar que o SAF (Servizo de Axuda no Fogar) Dependencia non sufriu variacións, pois o Concello ten asignadas 5.118 horas mensuais sempre activadas, que supoñen sobre 97 usuarios. Por outra banda o SAF Básico antes do estado de alarma contaba con 12 usuarios, durante o estado de alarma incrementouse a 15 usuarios e posteriormente a 18 usuarios. Ademais, a maiores, púxose en marcha o SAF Temporal Extraordinario, activado pola Xunta de Galicia ante a COVID-19, que comezou en abril con 21 usuarios, a 31 de setembro tiña 6 usuarios, e finalizará o vindeiro día 30 de novembro de 2020.

O programa de Teleasistencia mantívose sen variación con 26 usuarios antes, durante e despois do estado de alarma. O programa Xantar na Casa antes do estado de alarma contaba 5 usuarios, durante o estado de alarma 6 usuarios e na actualidade 6 usuarios.

As axudas de Emerxencia Social do Concello foron 5 a comezos de 2020, antes de que se producise o estado de alarma, fronte ás 24 durante o estado de alarma e as 15 desde que rematou o mesmo ata a actualidade.

O programa de alimentos de Mos Axuda contaba antes do estado de alarma con 78 familias beneficiarias, que ascenderon a 105 durante o estado de alarma, e son un total de 99 familias na actualidade.

En canto á RISGA, Renda de Inclusion Social de Galicia, antes de situación de alarma xestionáronse 4 solicitudes, durante o estado de alarma outras 4 e desde o fin deste 16.

Respecto das Axudas de Inclusión Social, antes da situación de alarma tramitáronse 3, durante o estado de alarma outras 3 a partires de ahí ata a actualidade 11.

Desde os servizos sociais do Concello de Mos infórmase de que mateñen o mesmo teléfono de contacto: 986 337 278, ao que os/as usuarios/as deben chamar para concertar cita previa. Actualmente traballan neste departamento municipal un total de 7 persoas: 4 traballadores/as sociais, 2 administrativos/as e 1 psicóloga.

Por outra banda atópanse os servizos prestados polo CIM, Centro de Información á Muller de Mos, que conserva a mesma ubicación no edificio de Urbanismo, a escasos metros do Concello. O CIM ofrece asesoramento xurídico e psicolóxico, e durante os primeiros meses do ano 2020, antes do estado de alarma, tivo un total de 16 usuarias, fronte ás 27 durante o estado de alarma e ás 20 desde o fin do estado de alarma ata a data de hoxe. Destas 63 usuarias, 5 foron vítimas de violencia de xénero: 4 delas o foron durante o estado de alarma e unha delas desde o fin deste.

O número de consultas atendidas desde o CIM durante o que vai de ano ascende a 399 consultas (atención psicolóxica e  asesoramento xurídico). Das cales 72 foron atendidas antes do estado de alarma, 157 durante, e 170 despois.

Neste sentido a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou hoxe “a enorme implicación da plantilla do departamento municipal de Política Social, así como do CIM, en xeral e desde sempre, pero en especial desde que se desatou a pandemia da COVID-19, momento desde o cal desenvolven un papel fundamental neste Concello, labor ao que se entregan en corpo e alma e polo que lles estamos inmensamente agradecidos, tanto os membros do equipo de goberno local como os cidadáns mosenses”. Así como insistiu en que “é a nosa obriga e responsabilidade desde a administración local apoiar e respaldar ás familias mosenses que máis están a sufrir esta crise económica e sanitaria, polo que continuaremos a multiplicar esforzos para que nunca queden nin se sintan desprotexidas”.

Fomento do emprego

Ademais dos programas anteriormente descritos desde o Concello de Mos estase a apostar polo fomento do emprego entre as persoas usuarias da concellería de Política Social mosense, dada a dura crise derivada da pandemia do COVID-19, e para elo destinou varias subvencións de administracións supramunicipais á contratación de persoal para diferentes brigadas municipais.

Con cargo á liña 3 do Plan Concellos contratáronse a 19 traballadores que desenvolven tarefas de Albanel oficial de 1ª (2 traballadores), Operario de limpeza Viaria (4 traballadores), Operario recolledor de residuos (3 traballadores), Peón/Operario de mantemento de parques e xardíns (4 traballadores), Peón de obras públicas (4 traballadores) e Operario de mantemento de edificios deportivos (2 traballadores). A duración do contrato é de 6 meses a xornada completa.

Para elo o goberno local decidiu o pasado mes de abril unha reestructuración da Liña 3 do Plan Concellos pasando a destinar o importe íntegro concedido a contratación de persoal. En principio estaba previsto destinar parte á realización dunha obra, sen embargo, e ante a crise do COVID-19, desde o Concello de Mos decidiuse centrar o Plan Concellos na contratación de persoal. Polo tanto, desde o Concello de Mos determinouse desestimar a obra prevista pospoñéndoa, para aprobar a contratación de persoas en situación de desemprego.

E por outra banda atópase a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da RISGA é subvencionada tamén pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e o número de traballadores a contratar é de 5 para os postos de Auxiliar Administrativa (1), Peón de xardineria (1), Peón de obras públicas (1) e Operarios de limpeza (2) que traballan no Concello de Mos durante 9 meses cunha xornada de traballo do 75 %.