A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o arquitecto municipal, Manuel Toucedo, acompañados polo presidente da Comisión de Festas de San Eleuterio, Manuel Vila Dacosta, fixeron unha visita técnica á contorna da Capela de San Eleuterio, na parroquia de Tameiga, onde o Concello proxecta unha mellora integral con humanización, cuxo proxecto correrá a cargo da administación local e será redactado polo arquitecto municipal. Para elo o levantamento topográfico da zona xa se atopa realizado e o seguinte paso a dar é a realización dun estudo do volume de tráfico rodado.
Segundo explicou hoxe a rexedora local durante a visita, “pretendemos optimizar o entorno da Capela de San Eleuterio cun proxecto ambicioso que convirta a zona nun lugar máis accesible e humanizado, na mesma liña que a mellora da contorna parroquial de San Mamede de Torroso que imos acometer con financiación da Xunta de Galicia a través do Plan HURBE”, declarou Arévalo.
A actuación dará preferencia para o paseo e para o peatón, integrará os espazos do Torreiro da Festa, onde se atopa o cruceiro (e donde se prevé eliminar o asfalto existente e substituílo por un material máis amable e estético), coa Capela (na que se realizará unha mellora que incluirá a iluminación exterior do edificio) e estase a estudar a posiblilidade de acometer unha zona con adoquinado.
O obxectivo é converter a contorna nunha praza pública habilitada como lugar de encontro e actividades, na que teñan prioridade as persoas.

A de San Eleuterio trátase dunha zona de gran actividade e movemento nos ámbitos residencial, deportivo e educativo, xa que nela se atopan ubicados a Urbanización de San Eleuterio, o Campo de Fútbol de Cototorrón do Club Louro Tameiga e a Escola Infantil A Galiña Azul de Cototorrón.
É por elo que desde o Concello de Mos xestionou a mellora integral da zona para a cal se levou a cabo a obra de optimización do vial de acceso, á que se lle suma agora a concesión ao Concello de Mos dunha subvención do Plan Concellos deste ano para acondicionar o estacionamento da Urbanización. Trátase do acondicionamento da parcela municipal para estacionamento no lugar. A devandita parcela conta cunha superficie aproximada de 346 metros cadrados e actuarase nela acometendo muros de cachotería de granito e cimentación a base de formigón. O prazo de execución desta obra, que comezará os próximos días, é dun mes e conta cun orzamento de execución por contrata de 36.000 euros.
Coa mellora e humanización da zona da Capela, para facela máis accesible e transitable para peóns e vehículos, completaríase a mellora integral de San Eleuterio, un dos barrios máis poboados do termo municipal e unha zona que, polas súas dotacións educativas, deportivas e relixiosas é tamén un dos máis transitados de Mos tanto a pé como en coche.