Domingo, 4 Maio de 2025

Mos pecha, temporalmente, todos os cemiterios do municipio

Trátase, segundo o Goberno local, dunha nova medida municipal extraordinaria para previr e conter o COVID-19 e mitigar o seu impacto

O Concello de Mos acordou, por resolución de Alcaldía, o peche temporal de todos os cemiterios do municipio para visitas ao público, abríndose únicamente no caso de sepelios. A medida adoptada polo executivo que preside Nidia Arévalo, comezou a aplicarse xa hoxe venres, 20 de marzo en que todos os cemiterios mosenses, tanto os municipais como os parroquiais, atópanse xa clausurados e debidamente precintados pola Policía Local.

Tamén se elaborou un Bando para informar á veciñanza desta nova medida temporal “necesaria e de carácter extraordinario para previr e conter o virus e mitigar o seu impacto sanitario, social e económico”, sinala o Concello de Mos.

Todas as medidas municipais emprendidas nesta situación excepcional de crise sanitaria “son debidas ao avance dos contaxios polo COVID-19, para protexer a saúde e seguridade dos cidadáns, conter a progresión da enfermidade e reforzar o sistema de saúde pública”, explica o Goberno de Nidia Arévalo, e “respondendo á declaración do Estado de Alarma, previsto no artigo 116.2 da Constitución Española, mediante Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo de 2020”.