9.9 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaMos“Mos no Camiño”, unha nova ferramenta dixital útil e intuitiva que promociona...

    “Mos no Camiño”, unha nova ferramenta dixital útil e intuitiva que promociona turísticamente o municipio

    A web mosnocamiño.es xa se atopa operativa e foi elaborada polos alumnos/as traballadores/as do Obradoiro Municipal de Emprego “Mocidade no Camiño”

    Onte pola mañá, ás 12.00 horas. tivo lugar no salón de actos da Axencia de Colocación de Mos a presentación da páxina web “Mos no Camiño”, confeccionada polos 8 alumnos traballadores do Obradoiro Municipal de Emprego “Mocidade no Camiño” (que rematou o pasado 14 de outubro) da especialidade formativa de deseño de produtos gráficos e multimedia.

    A web, que xa está operativa na ligazón mosnocamiño.es contén información do Camiño Portugués a Santiago de Compostela ao seu paso por Mos e dos principais lugares de interese histórico, patrimonial, cultural e paisaxístico do Concello de Mos, aínda que non se atopen ubicados exactamente no Camiño. 

    Trátase dun excelente, estético e profesional traballo de deseño gráfico, web, programación, fotografía e vídeo; que aporta unha atractiva visión da localidade mosense como destino turístico, de lecer, interesante para visitar e incluso ser coñecido máis en profundidade pola propia veciñanza. 

    Esta nova páxina web municipal está operativa xa en galego e os próximos días tamén o estará a súa versión en castelán.

    É unha plataforma moi práctica, intuitiva e de navegación sinxela que inclúe desde consellos prácticos para facer o Camiño, ata Apps para peregrinos, ligazóns de interese, mapas con ubicacións coas localizacións destacadas e/ou recomendadas, descripcións do patrimonio histórico e cultural mosense, material didáctico sobre a historia da orixe de Mos, información útil sobre albergues, etc.

    Na presentación, ademáis das concelleiras mosense de Promoción Económica, Desenvolvemento Empresarial e Emprego, Julia Loureiro, e de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro, tamén estiveron presentes o profesor da especialidade responsable da creación desta estupenda ferramenta dixital, Diego Seixo, e dous alumnos traballadores do Obradoiro de Emprego na devandita especialidade, Ana Misa e Iván Domínguez.

    Os 8 alumnos traballadores/as participaron e contribuíron activamente na creación desta web. Así mesmo houbo dous que fixeron unha aportación un tanto máis especial como foron Sergio Lorenzo, encargado da edición do vídeo incluído na páxina e Alex Camiña, que compuxo a música orixinal do mesmo.

    En definitiva, “Mos no Camiño” é unha ferramenta moi interesante tanto para o peregrino como para a propia veciñanza. Xa que inclúe os eventos culturais, sociais, deportivos e musicais que se organizan no municipio, así como lugares de interese en todas as parroquias.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.