O Concello de Mos vén de anunciar a posta en marcha do plan contra a Vespa Velutina. Así o informou hoxe a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, quen explicou que a administración local mosense terá a disposición da veciñanza a un traballador encargado da eliminación de niños, para o que se adquiriu unha escopeta de aire comprimido. Os veciños que precisen dos seus servizos poderán demandalos telefónicamente chamando ao departamento municipal de Medio Ambiente ao número 986 09 70 37.
Este Plan, que conta coa colaboración do Servizo Municipal de Emerxencias de Mos, consta de tres partes fundamentais: información, prevención e actuación.
Ademais, en colaboración con apicultores de Mos, organizaranse charlas nas distintas parroquias do municipio para repartir trampas e os líquidos que deben conter as mesmas, así como para explicar paso a paso a fabricación de trampas caseiras.
Estas reunións informativas terán lugar sempre á mesma hora, ás 20:30 horas, e celebraranse do 6 de marzo ao 14 de marzo. No Pazo de Mos será o día 6 de marzo, no Centro Cultural Nosa Terra de Pereiras o día 7 de marzo, na Asociación de Veciños Santa Ana de Veigadaña o día 12 de marzo, no Centro Dotacional do Medio Rural de Torroso o día 13 de marzo e na Axencia de Colocación de Mos o día 14 de marzo.
As trampas están destinadas á regularización e captura de raíñas fundadoras deste insecto. Desta maneira trátase de reducir a poboación do mesmo menguando así o número de niños de Vespa Velutina para tranquilidade da poboación, e para evitar os custes que supón a desactivación dos devanditos niños unha vez formados, reducir os danos en cultivos fructícolas e contribuir á protección das abellas autóctonas. As zonas próximas a ríos e regatos son as máis perigosas.
Este plan anual contra a Vespa Velutina realízase por cuarto ano consecutivo, nesta ocasión reforzado coa escopeta de aire comprimido para poder abatir con facilidade os niños. O ano pasado o Concello de Mos instalou 300 trampas contra a Vespa Velutina e retirou máis de 100 niños a través deste plan anual municipal.