9.6 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaMosMos incrementa nun 60% no novo orzamento a partida destinada ao Plan...

    Mos incrementa nun 60% no novo orzamento a partida destinada ao Plan Cultural, alcanzando os 40.000 euros

    Faino para apoiar á cultura mosense nun momento delicado debido á crise da Covid-19

    O equipo de goberno local atópase ultimando orzamento para 2021, e a alcaldesa, Nidia Arévalo, e o edil de Facenda e Contratación, Alberto Méndez, veñen de anunciar que a vindeira semana entregaranlle o documento rematado aos grupos políticos da oposición para que poidan estudalo.

    A rexedora local destacou sobre o novo orzamento, ademais do incremento histórico na partida de gasto social, o reforzo económico de apoio á cultura mosense, que se fará o vindeiro ano puntualmente, para respaldar ás agrupacións do municipio nuns momentos nos que a súa actividade atópase prácticamente a cero por mor da crise sanitaria da COVID-19. Deste xeito incrementarase a partida destinada a financiar o Plan Cultural do Concello de Mos pasando de 25.000 euros en 2020 a 40.000 en 2021 cunha subida porcentual do 60%.

    Así, as bases do Plan Cultural modificaranse tamén, de xeito que se adapten á nova realidade e poidan contabilizarse como actuacións as colaboracións que realicen para dinamizar as redes sociais do Concello, sen necesidade de que se produza o espectáculo e/ou concerto físicamente. “Queremos por unha banda que os nosos grupos musicais, artísticos e culturais mosenses, continúen a sentirse útiles e necesarios (porque o son) a pesares de non poder actuar diante dun público físico de xeito presencial; e que sigan a colaborar co Concello dinamizando as redes municipais e que elo lles repercuta nunha remuneración económica imprescindible para a supervivencia das agrupacións”, declarou Arévalo, quen informou ademais de que o total do capítulo de cultura do orzamento 2021 ascende a 150.000 euros.

    Doutra banda Nidia Arévalo abordou tamén o capítulo de deportes, facendo fincapé na partida destinada a subvencións a deportistas e clubes mosenses. Explicou a alcaldesa que “este 2020 xa se lles subira o importe da axuda munipal a todos/as os/as beneficiarios/as e no 2021, ademais de manter a suba xeral, o equipo da U.D. Mos Feminino que ascendeu a Primeira Nacional verá incrementada a súa subvención ata chegar aos 40.000 euros, converténdose deste xeito o Concello de Mos no seu principal patrocinador, xa que dos 60.000 euros do orzamento total que ten o equipo, a administración local asume dous tercios”.

    Ademais do U.D.Mos Feminino, as entidades beneficiarias destas axudas son a Unión Deportiva Mos, o Club de Fútbol Alerta, o C.D. Louro Tameiga, o Club Xadrez Mos, o Club Natación Mos, as Escolas de Patinaxe de Mos, o Club de Patinaxe Rosaleira, o Club de Patinaxe Xiramos, a bailarina Patricia Martínez, a ciclista Susana Alonso, Juan Rivera, e o Clube de Tiro con Arco ‘Archer’s Team’.

    A rexedora mosense informou tamén de que ademais das deportivas, mantéñense tamén todas as subvencións sociais que son un total de 3 destinadas a 3 colectivos sociais do municipio e suman 4.000 euros.

    Continuando co relativo a gasto social a alcaldesa avanzou que o máis importante e destacable do orzamento 2021 é o importante incremento da partida destinada a Servizos Sociais, que crece en preto de 700.000 euros, debido ao incremento de horas de servizo á dependencia, entre outras políticas sociais.

    O importe total do orzamento municipal de gastos para 2021 aumenta respecto 2020 e chega aos 10,9 millóns de euros, sendo a partida máis elevada, un ano máis, a destinada a gasto social, que acada os case 2.000.000 euros (1.244.100,47 euros en 2020).

    O orzamento do presente ano é de 10.099.715,13 euros no estado de gastos, polo que crecerá en case 900.000 euros o ano que ven.

    “A pesar do seu incremento destinado a políticas sociais, segue a tratarse dun presuposto baseado na austeridade e na eliminación de gasto superfluo”, explicou a rexedora local mosense, quen destacou ademais que, “como cada ano desde que son alcaldesa presentamos o orzamento en tempo e forma, antes do remate do exercizo en vigor; ademais de cumprir coa porcentaxe necesaria da área de gasto destinada á amortización de débeda pública e sen facturas pendentes de recoñecer de anos anteriores”.

    Este documento económico anual en Mos sempre se aproba en tempo e forma, antes do inicio do novo exercizo, desde que Nidia Arévalo se atopa na Alcaldía; e neste caso, será aprobado no Pleno do presente mes de novembro que se celebrará a finais de mes.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.