Esta fin de semana celebrouse en Mos a carreira de exciclistas e homenaxe a Óscar Pereiro con motivo de La Vuelta 21 ao seu paso por Mos, contando como ‘speaker’ co xornalista Terio Carrera.
Pereiro contou coa compaña de compañeiros, ex compañeiros, amigos e veciños entre os que se atopaban ciclistas e varios exciclistas profesionais como Álvaro Pino, Ezequiel Mosquera, Marcial Rodríguez, Serafín Martínez, Genaro Prego, José Ángel Vidal, José Teixeira, Evaristo Portela, Juan Campos, Isidro Araújo, Fabián García, Pako Boente, José L. Boente, entre outros. Así como o gaiteiro mosense de Louredo e autor do Himno de Mos, Xulio Lorenzo.
Por suposto tamén estiveron presentes Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, José Ramón Lete Lasa, Secretario Xeral para o Deporte, demais membros da Corporación Municipal e do equipo de goberno local, xunto con persoas moi especiais para Óscar como José González, Luis Penido, Xurxo Otero, veciños do seu lugar natal: a Capilla en Petelos; e a súa familia: pais, fillos, irmá e a súa muller.
O evento deportivo comezou ás 18:00 h en Sanguiñeda – Explanada La Reina, onde os corredores fixeron un circuito de 10 voltas para logo saír cara ao Castro de Herville, lugar onde se ubicaba a meta e onde rematará tamén a 20ª etapa de La Vuelta 21 o 4 de setembro.
A carreira rematou coa victoria de Fabián García, que ven de gañar o Campionato de España Master 60 en Valladolid. Pecharon a competición desta tarde Óscar Pereiro e Carlos Táboas ‘Peri’ (Campión de España de + Enduro Master 50) acompañando ao que fora o masaxista de Pereiro no Phonak, José Teixeira.
O acto rematou cunha gran sorpresa para Óscar Pereiro, o descubrimento dunha escultura no alto de Herville na súa honra, autoría do escultor alemán, veciño de Herville desde 1989 Ralf Jung (escultor, fotógrafo e video creador). O broche final púxoo o Grupo de Gaitas de Herville interpretando o Himno Galego.