A Casa do Concello de Mos foi escenario, na tarde de onte, do acto de recepción a Juan Ferrón, deportista do Club Natación Mos, que participou na World Paralimpic Series de Berlín con excelentes resultados; e aos demais nadadores e nadadoras do Club Natación Mos –47 en total– pola boa tempada realizada. Ao acto para felicitar aos nadadores/as mosenses asistiron parte dos preto de 50 rapaces integrantes do equipo acompañados das súas familias, membros da directiva do Club; a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; a concelleira de Deportes, e membros da Corporación Municipal.
O nadador do Club Natación Mos, Juan Ferrón, (único representante galego na FEDC, Federación Española de Deportes para Cegos) participou o pasado mes de xuño na World Paralimpic Series de Berlín de Natación Adaptada, e logrou uns grandes resultados tanto por tempo como por puntuación.×
Por outra banda os resultados máis destacados da tempada dos nadadores do Club Natación Mos en xeral foron os seguintes: 17 nadadores clasificados para os diversos Campionatos Galegos, 6° posto de 30 clubs na Liga Galega Infantil de Natación, 3° posto na Liga Provincial de Clubs de Natación, 12° clasificado de 31 na Liga Benxamín, 3 medallas no Trofeo Internacional Promesas do Lérez, 14 medallas no Trofeo Marismas de Redondela, 9 medallas no Trofeo Amizade, e 10 Medallas no Trofeo Codesal. Trátase duns resultados moi salientables nas diversas ligas e trofeos disputados nesta última tempada.
No caso concreto de Juan Ferrón, o pasado día 6 xuño nadou na capital alemana os 100 metros bolboreta na sesión matutina, onde logrou o pase á final Youth na sesión vespertina, mellorando o tempo da mañá, cerca da súa MMP, sendo 3° por puntuación multidiscapacidade e 2° por tempo.
O día 7 xuño nadou os 100 metros Libres, cun tempo de 1:00,73 non logrou o pase á final, pero aproximouse á súa mellor marca en piscina de 50 metros.
O día 8 de xuño nadou os 50 Libres asinando nas preliminares un tempo de 28,00.
O día 9 de xuño nadou os 50 metros bolboreta. Pola mañá nadou en 29,57 logrando o pase á final Youth e na sesión vespertina logrou mellorar o tempo da sesión matinal logrando ser 3° por puntos de multidiscapacidade pero 1° en marca e facendo MMP.
Así mesmo a fin de semana do 15 e 16 de xuño tanto Juan como o adestrador do Club Natación Mos, Alberto ‘Xouba’ Pereira, viaxaron ata Tenerife para participar no Campionato de España por clubs de Natación, o Tenerife Top Training.