Mércores, 11 Decembro de 2024

Mos comeza a organización do deporte cara a vindeira tempada

Esta mañá celebrouse no Concello unha reunión organizativa entre o alcalde accidental de Mos, Camilo Augusto; a concelleira de Deportes, Begoña Toucedo; o coordinador deste departamento municipal, e un total de 10 clubes deportivos entre os que se atopaban os tres de patinaxe, –Escolas de Patinaxe de Mos, Xiramos e Rosaleira–, o Club Natación Mos e varios clubes de fútbol sala, balonmano, baloncesto, e outros deportes.

Sobre a mesma, Begoña Toucedo, declarou que “rematamos o verán reuníndonos cos clubes deportivos que adestran nos pavillóns municipais para coordinar o funcionamento e distribución de horarios de uso dos mesmos de cara ao comezo da vindeira tempada deportiva, para continuar a prestar o mellor servizo aos deportistas mosenses”.

O Concello de Mos conta con cinco pavillóns municipais: Óscar Pereiro –dotado tamén de Piscina Municipal–, Soledad Castro, Patricia Martíñez, Sanguiñeda e Atín; nos que ademais de impartirse cursos e clases organizadas pola administración local, adestran e empregan para celebrar os seus torneos e actividades numerosos clubes deportivos. De ahí a importancia e a necesidade de reunións organizativas como a que se realizou esta mañá no Concello.

Os clubes deportivos mosenses congregan a un total duns 1.000 deportistas repartidos entre os 3 clubes de patinaxe, o Club de Tiro con Arco Archers Team, o Club de Natación Mos (Infantil e Master), os clubes de fútbol Alerta Sanguiñeda, UD Mos e Louro Tameiga; e o Club Xadrez Mos.

As de partinaxe son unhas das escolas deportivas con máis integrantes do Concello de Mos. En total sobre uns 160 nenos/as e mozos/as practican este deporte formando parte dun dos tres clubes mosenses: Escolas de Patinaxe de Mos (que conta cuns 100 patinadores/as), Club Rosaleira (que conta con sobre 30 patinadores/as) e Xiramos (que conta con outros 30 integrantes).

Todos estes xoves patinadores realizan os seus adestramentos no Pavillón Óscar Pereiro e no Pavillón Soledad Castro.

O Óscar Pereiro, o máis concorrido

Tan só pola pista do Pavillón Óscar Pereiro (sen contar o ximnasio nin a piscina) pasan 1.500 persoas á semana, sendo a máis concorrida das instalacións deportivas municipais.

Trátanse de usuarios pertencentes aos clubes de patinaxe municipais, nenos/as das Escolas Deportivas de Baloncesto (actividade extraescolar), adultos e cativos que practican o fútbol sala, maiores participantes na actividade de ximnasia de mantemento do programa municipal ‘Exercítate’, mozos do IES de Mos que acuden a realizar algunhas das súas horas lectivas de clases de Educación Física, etc.