Sábado, 3 Maio de 2025

Mos aproba o seu orzamento municipal para 2023

As alegacións presentadas contan con Informe desfavorable de Intervención

Esta semana foi aprobado definitivamente en sesión extraordinaria do Pleno do Concello de Mos o orzamento municipal para 2023 (de 13 millóns de euros), que entrará en vigor un mes máis tarde do previsto, ao terse presentado alegacións por parte de GañaMos e BNG ao documento, que xa fora aprobado inicialmente en Pleno o pasado mes de novembro.

A aprobación definitiva do orzamento contou cos votos favorables do grupo de goberno (PP) e a concelleira non adscrita, Verónica Costas, da abstención do concelleiro non adscrito, Román González, e dos votos en contra de PSOE, GañaMos e BNG.

As alegacións ao presuposto presentadas polo Bloque e GañaMos contan con Informe desfavorable de Intervención.

O Informe de Intervención é desfavorable ás alegacións ao orzamento municipal para 2023 de GañaMos e BNG e as inadmite por actuar en nome dun grupo non lexitimado para presentar reclamacións contra os orzamentos municipais.

O Interventor Municipal establece no seu Informe que, por lei, os partidos políticos non están lexitimados para presentar reclamacións aos orzamentos municipais. Pola contra, a lei deixa clara a vontade de deixar aos partidos políticos fóra das persoas con lexitimidade para levar a cabo este tipo de accións. O artigo si lexitima aos veciños do propio concello (art. 170.1.a. “habitantes do propio territorio”) a presentar reclamacións.

Ademais o devandito Informe indica que as alegacións presentadas polos grupos de GañaMos e BNG non se axustan na súa elaboración e aprobación aos trámites establecidos por lei, omiten o crédito necesario para o cumprimento de obrigacións esixibles á entidade local, en virtude de precepto legal ou de calquera outro título lexítimo; e son de manifesta insuficiencia os ingresos en relación aos gastos orzados, ou ben destes respecto ás necesidades para as que estea previsto.

“Considero que deben ser desestimadas ambas as reclamacións ao orzamento por non constituír ningunha delas un motivo permitido no artigo 170.2 TRLRHL”, establece o Interventor no seu informe.