13.9 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaMosMos aproba o seu maior orzamento da historia que continúa a facer...

    Mos aproba o seu maior orzamento da historia que continúa a facer a inversión máis elevada en gasto social

    A partida de Benestar Social ascende a 2,5 millóns de euros

    O Pleno do Concello de Mos vén de aprobar por maioría dos seus membros o orzamento municipal para o vindeiro ano 2024. Fíxoo en sesión plenaria ordinaria do mes de outubro celebrada onte no Pazo de Mos.

    Unha vez máis, a alcaldesa mosense, Arévalo, aproba o orzamento municipal en tempo en forma, antes do remate do exercizo económico en vigor. Faino por décimo quinta vez consecutiva e cun orzamento, o de 2024, que marcará o inicio desta nova lexislatura.

    Nesta ocasión Mos adiántase máis que outros anos na aprobación do orzamento municipal, rematando o documento en outubro. A propia Xunta de Galicia aínda aprobou os seus orzamentos o pasado día 18 e hai varios concellos galegos traballando neles pero sen aprobalos antes do mes de novembro.

    Trátase dun orzamento, que se mantén no capítulo de gastos respecto do de 2023 (13 millóns de euros), e crece no capítulo de ingresos ata os 14 millóns pola actualización do IBI, o IAE, a previsión de recadación de 100.000 euros máis no ICIO, a revisión do Padrón das empresas que non estaban dadas de alta, para pasar a cobrarlles a taxa por recollida de lixo, (o que implica tamén unha suba dos ingresos) e actualízase tamén a taxa de cobro por uso da Piscina Municipal que non se actualizaba desde o ano 2014. Tamén se aproba unha taxa municipal polo uso de instalacións municipais, que antes viñan sendo utilizadas de balde por calquera que as solicitase co conseguinte gasto para a administración local; e recupérase o Imposto da Plusvalía.

    No caso da actualización do IBI vóltase ao tipo do ano 2020, anterior ao “catastrazo”: 0,54. Baixárase para paliar a afección do “catastrazo” aos contribuíntes mosenses en plena crise da COVID-19. E actualízase agora para evitar ir a unha Ponencia de Valores. O mínimo e o máximo legal do IBI son: mínimo 0,4 e máximo 1,20. Mos co 0,54 atópase na metade.

    A actualización do coeficiente do IAE pasando do 2,3 ao 3,3 débese aos maiores gastos que supoñen para o Concello o mantemento destas zonas debido ao maior deterioro que sofren as vías polas actividades económicas que nelas se desenvolven, polas actividades de control de tráfico ou vixianza policial que conlevan e pola maior dotación de servizos que se requiren nalgúns casos, como por exemplo alumeado ou limpeza viaria. Tratábase dunha actualización necesaria porque a actual clasificación está vixente desde 1992. (Desde entón creáronse novas zonas industriais e comerciais que merecen polas súas dotacións ou actividade unha categoría superior ás agora incluídas na primeira categoría). O IAE (Imposto de Actividades Económicas) só o pagan as grandes empresas (as que facturan como mínimo 1 millón de euros), non afecta aos empresarios máis pequenos.

    Respecto do investimento en novas obras, a alcaldesa mosense declarou que “anuncio que se iniciará con apoio doutras administracións a senda de Dornelas, Porselo-Brea, (para a que xa está contemplada unha partida para expropiacións de 40.000 euros), a ampliación do Parque da Pesqueira, a nova estrada de San Cosme, saneamentos diversos e mantemento dos novos asfaltados realizados durante a pasada lexislatura e nos que se investiron máis de 2 millóns de euros e nos que faremos un esforzo para manter o asfalto e incluso incluír a construción de novas cunetas.

    Tamén levaremos a cabo a 3ª Fase do Paseo do Louro. A mellora de Pereiras, que inclúe a 2ª Fase da Estrada Pereiras-Tameiga e a humanización da contorna da Igrexa de San Miguel. A humanización da contorna da Igrexa de Sanguiñeda para cuxo proxecto contamos con subvención a través do Plan Ágora da Deputación de Pontevedra. O remate da humanización do Alto de Puxeiros, para a que estamos pendentes do peche e traslado do aserradeiro alí existente. E a nova Escola Infantil do Rebullón na que a Xunta investirá case 1 millón de euros e cuxa obra será sacada a licitación neste ano. Tamén no Rebullón en 2024 a Xunta de Galicia destina unha partida en 2024 de 300.000 euros para o Centro de Coidados Intermedios e o novo Centro de Saúde. Importantísimas tamén as novas vivendas de Protección Oficial, VPO, en San Eleuterio; cuxa construción comezará xa en 2024, pero non se contempla en ningunha partida do orzamento municipal porque se financia ao 100% con fondos autonómicos da Xunta de Galicia, así como os Plans Hurbe 2024. Ademais o novo Polígono de Arrufana botará a andar en 2024 cunha aportación autonómica de 700.000 euros. Por último destinaremos unha partida do Plan Concellos á elaboración dun Inventario Municipal de Bens”.

    Respecto do capítulo de gastos a alcaldesa destaca como todos os anos en primeiro lugar o gasto social, que continúa a ser o maior gasto orzamentario. Ademais, destaca a alcaldesa “nesta ocasión creamos unha partida específica para Igualdade e ascendendo ata os 2.418.000 euros resultantes da suma das partidas de Política Social e Igualdade”.

    Nidia Arévalo, rexedora local mosense, explicou no Pleno desta mañá que “coa apertura do novo Centro de Día de Torroso que xestiona ASODIFISI, asinamos un convenio para dotalo dunha axuda anual de 10.000 euros, e tamén concedemos unha nova axuda ás Escravas da Virxe Dolorosa, o Servizo de Atención Temperá sube de 95.000 a 140.000 euros pola incorporación dunha 4ª traballadora ao servizo, mantense a partida para o SAF (1.130.000 euros) e creamos un novo Programa de Saúde Mental. Tamén crece a partida do Servizo Xantar na Casa de 4.000 euros a 10.000 euros por experimentar un incremento de 15 usuarios/as máis. E ademáis o Concello contratará unha 4ª traballadora social para os Servizos Sociais Comunitarios.

    En segundo lugar. No tocante ao emprego, as políticas de fomento do emprego no noso municipio son unha das prioridades do goberno local, e por iso mantemos a partida a pesares de non ser unha competencia municipal, e seguimos apostando por traballar en políticas para desempregados. Ademais tramitamos axudas coa Xunta de Galicia, logrando que a administración autonómica invista entre millón e millón e medio de euros ao ano en Mos para o desenvolvemento de accións de formación e emprego (obradoiros, programas integrados, accións formativas, Aula Mentor… etc.). Para o ano que vén xa temos concedido desde a administración autonómica un novo Programa Integrado de Emprego e un novo Obradoiro de Emprego do Concello de Mos.

    En total pasan pola Axencia de Colocación de Mos cada ano preto de 1.000 persoas que reciben orientación, asesoramento, formación, que participan en diferentes obradoiros e programas…

    Así mesmo desde o Concello de Mos traballamos man a man cos empresarios de Mos, xa que non podemos obviar que somos o 4º municipio en tecido industrial da provincia e continuamos medrando. Co Parque Empresarial PEMOS Veigadaña ao 96% de ocupación, a Xunta ampliará o terreo industrial en Mos no polígono de Arrufana. Neste senso non podemos perder a perspectiva da necesidade de aunar sinerxias entre empresas e administracións na loita contra o desemprego.

    A partida de Educación sube tamén, chegando aos 536.750,87 euros, a dotación económica de actividades extraescolares increméntase en 10.000 euros pasando de 10.000 euros en 2023 a 20.000 euros en 2024. Tamén sube a partida para o Conservatorio de Torroso de 50.000 a 55.000 euros.

    En saneamento a partida de ampliación da rede de saneamento en diversas parroquias e outros investimentos en materia de saneamento ascende 170.000 euros.

    En cuestión de servizos aumenta o importe da partida destinada ao Punto Limpo e entre Sogama e o Servizo de Recollida de Lixo acádase o 1,5 millóns de euros de gasto.

    Creamos unha aportación municipal para a adquisición de composteiros e xestión de biorresiduos por importe de 37.000 euros.

    Por outra banda, delegaremos o Servizo de Limpeza Viaria noutra administración supramunicipal, incluíndoo nalgunha liña de subvencións que nos permita aforrar un gasto que grava considerablemente ás arcas municipais, pero sempre mantendo a calidade e o servizo de primeira.

    A área de gasto en subministro eléctrico aumenta notablemente pola suba do prezo da luz e na partida de Parques e Xardíns baixa a dotación económica pola gran inversión en renovación de elementos de todos os parques infantís municipais durante este ano e a dedicación agora dun traballador municipal dedicado á conservación dos mesmos.

    Tamén sube a partida de Cultura que ascende ata 366.053,37 euros e nela darémoslle continuidade á contía do Plan Cultural.

    Dentro da partida de Cultura quero destacar o mantemento do apoio á Fundación Pazo de Mos, co convenio anual de 10.000 euros, para dar continuidade ao vínculo co noso Pazo, lugar de referencia por antonomasia do noso Concello, e emblema municipal ubicado en pleno Camiño de Santiago.

    Por outra banda en Deportes contémplanse subvencións aos clubes de fútbol Alerta, UD Mos, UD Mos Feminino, CD Louro, Club Xadrez Mos, Club Natación Mos, Escolas de Patinaxe Mos, Rosaleira, Xiramos, Juan Ferrón, Patricia Martínez, Susana Alonso, Club Tenis de Mesa Mos, Escudería Maki-Sport e Escudería Sur do Condado.

    E, por outra banda, baixa a dotación económica para pavillóns polos importantes investimentos en mellora destas instalacións deportivas durante este ano.

    Mantemos así mesmo a cantidade fixa anual que iniciamos no orzamento de 2023 para seguir promocionando, apoiando e estando ao carón da nosa hostalería. Por iso destinamos a este fin 10.000 euros en 2024.

    A partida orzamentaria dedicada a persoal incrementarase nun 2% polo acordo estatal entre Goberno Central e sindicatos nas retribucións dos empregados das Administracións Públicas.

    Así mesmo, coa nova Deputación, o Concello de Mos conseguiu un GES de 12 traballadores en lugar de 6 como tiña antes, polo que a partida, para o seu cofinanciamento, duplícase con respespecto á consignada no ano 2023 alcanzando a contía de 22.000 euros”.

    Arévalo concluiu a súa intervención destacando que “presento polo tanto, un orzamento que considero responsable e axustado aos criterios de prudencia e credibilidade”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.