Sábado, 3 Maio de 2025

Mos aproba a solicitude de subvención autonómica anual para dar continuidade ao Servizo de Atención Temperá

A Xunta de Galicia, a través da consellería de Política Social, financia o 90% do programa no que se presta axuda a unhas 50 familias mosenses e da contorna

O Concello de Mos aprobou en Xunta de Goberno local a solicitude de subvención autonómica para dar continuidade ao Servizo Municipal de Atención Temperá dotado de 1 psicóloga, 1 logopeda e 1 fisioterapeuta.

A subvención autonómica anual para este programa financia o 90% do custe do servizo, o que supón unha aportación económica da Xunta de Galicia de sobre 100.000 euros, aportando o Concello de Mos con fondos propios o 10% restante do orzamento anual total.

A resolución favorable da concesión da subvención permitirá continuar con este servizo de Atención Temperá en Mos, tan importante e que tan boa acollida leva tido desde a súa posta en marcha. Xa é o 4º ano de prestación de servizo desde que se creou.

O servizo desenvólvese nas instalacións da ludoteca de Louredo (antigas Ecolas Unitarias) por parte de COESCO grazas á axuda concedida pola Xunta de Galicia a través da consellería de Política Social para o desenvolvemento deste programa do que o Concello de Mos asume un 10% do custe total anual do servizo.

Esta axuda enmárcase nas subvencións ás entidades locais para a prestación de servizos no marco da Rede Galega da Atención Temperá cofinanciadas pola Unión Europea.

En Mos benefícianse deste servizo nenos e nenas de sobre 50 familias mosenses e da contorna. O obxectivo deste programa municipal de Atención Temperá é promover a igualdade, a saúde e a inclusión social mediante un conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos con trastornos do desenvolvemento ou en risco de padecelos, a súa familia e contorno, co fin de facilitar a súa autonomía persoal e a dita inclusión.

Na unidade de Atención Temperá do Concello de Mos, desenvólvese unha destacable e importante labor por parte dos profesionais que alí traballan, para axudar ás familias do municipio de Mos e da súa contorna.

As nenas e nenos que acoden a este centro melloran a súa autonomía e calidade de vida grazas a un asesoramento individualizado e adaptado ás súas necesidades. Neste sentido, existe tamén unha gran implicación de traballadores e responsables de COESCO para que así sexa.