Sábado, 3 Maio de 2025

Mos anuncia nunha reunión cos Hosteleiros das Rías Baixas que lle bonificará á hostelería mosense a metade da taxa do lixo

A Asociación instou ao Concello na xuntanza desta mañá a relizar un control estricto dos furanchos

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, reuniuse esta mañá xunto coa concelleira de Promoción Empresarial, Economía e Emprego mosense, Julia Loureiro, e a tesoureira municipal, con membros da Asociación de Hosteleiros Rías Baixas, entre os que se atopan catro hosteleiros mosenses (Esteban, Lano, O Cruceiro e Adega da Tía Carmen), para abordar as novas medidas en trámite por parte do Concello de Mos para apoiar á hostelería local.

Aínda que na xuntanza só estivo presente unha pequena representación da hostelería de Mos, as representantes municipais, Arévalo e Loureiro, anunciaron que “desde a Axencia de Colocación de Mos seguirase a chamar un por un a todos e cada un dos hosteleiros mosenses para informalos dos avances, concretarlles as decisións tomadas e explicarlles como teñen que proceder para beneficiarse das axudas”.

A Xunta Directiva da Asociación de Hosteleiros Rías Baixas presentoulle hoxe á alcaldesa unha petición por escrito na que solicitan o pago proporcional ao tempo traballado dos impostos e taxas municipais para os hosteleiros mosenses, no que o Concello vai aínda máis aló xa que hai que lembrar que, desde o inicio da pandemia, o Concello de Mos ten derogada a taxa das terrazas e agora bonificaráselles aos hosteleiros o recibo do lixo nun 50%, co que aforrarán a parte proporcional a medio ano ou 6 meses.

Por outra banda a Asociación Rías Baixas tamén instou ao Concello de Mos na reunión desta mañá a realizar un control estricto dos furanchos do municipio para asegurar que non se faga competencia desleal á hostelería e que se garantan as medidas sanitarias nos mesmos, resolvendo así mesmo os expedientes sancionadores co tempo suficiente para que cumpran a sanción e pechando inmediatamente os que traballen como hosteleiros sen ter os pertinentes permisos. Esixen así mesmo que se comprobe que os furanchos teñen exposto ao público a relación de tapas que poden vender co prezo, tipo de viño e prezo, horario de apertura, e inicio e fin de tempada.

A Directiva da Asociación insistiu neste sentido en que “pedimos que as administracións sexan intransixentes coa competencia desleal sendo de vital importancia que a inspección funcione adecuadamente”.

Os Hosteleiros das Rías Baixas xa pediron en xuntanzas previas coa Xunta de Galicia (Consellería de Vicepresidencia e Turismo) e con outras administracións locais a colaboración e medidas hoxe solicitadas no Concello de Mos, declarando que “no caso de Mos atopámonos coas xestións de apoio á hostelería xa moi avanzadas e moito máis preparados que noutros municipios”.

A rexedora local mosense e a edil de Promoción Empresarial e Economía explicáronlles por último aos hosteleiros que estase realizando por parte do Concello de Mos un diagnóstico exhaustivo da situación real actual dos hosteleiros existentes en Mos, creouse e estase a implementar a plataforma web ‘Queda en Mos. Todo ao teu alcance’. No Pleno do mes de setembro aprobouse unha moción para instar ao goberno central a que lle permitise ao Concello de Mos modificar o IBI e o imposto de rodaxe para así poder aplicarlles aos contrinuíntes bonificacións e/ou exencións, xa que a administración local non os pode modificar se non llo autoriza, ao tratarse de 2 impostos que están regulados pola normativa Estatal. Pediuse á presidenta do Consorcio de Augas do Louro que se aplique a bonificación do recibo do saneamento e abastecemento de auga aos hosteleiros de Mos, O Porriño, Salceda e Tui (4 municipios integrantes do Consorcio). E centralizouse na Axencia de Colocación de Mos o servizo de axuda e apoio para que os hosteleiros de Mos poidan tramitar de xeito sinxelo a solicitude de axudas, petición deberán formalizar a través dun impreso específico que poderá presentarse telemáticamente, por via dixital. O persoal da Axencia está a disposición dos hosteleiros que precisen axuda para realizar estes trámites, que incluirán a aportación dunha serie de documentos, ademais de presentar o devandito formulario cumprimentado.