9.2 C
Pontevedra
Luns, 29 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaMosIniciadas as obras da Fase I de mellora da seguridade viaria e...

    Iniciadas as obras da Fase I de mellora da seguridade viaria e peonil da EP-2601 Mos-Puxeiros

    A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente de alcaldesa e concelleiro de Obra Pública, Camilo Grandal e técnicos da Deputación de Pontevedra, visitaron e supervisaron esta mañá os recentemente iniciados traballos correspondentes ao proxecto de humanización da Estrada Provincial Mos-Puxeiros.

    Trátase da primeira fase da obra de ‘Mellora da seguridade viaria e peonil da EP-2601 Mos – Puxeiros’.

    Para a acometida deste proxecto cóntase con convenio entre Deputación e Concello de Mos, que financiarán a obra en un 70 % e 30 % respectivamente.

    O proxecto da segunda fase desta humanización, beneficiará ao tramo que transcorre pola parroquia de Dornelas.

    A primeira fase da humanización, transcorre pola parroquia de Mos no tramo desde o cruce coa estrada nacional 550, no punto quilométrico 0+020, ata o cruce co colexio Mestre Martínez Alonso de Castro-Mos, no punto quilométrico 0+600. Ademais desde o Concello destácase a importancia de que desde a administración provincial se aceptase a proposta municipal de recuperar tamén o antigo tramo da estrada provincial que transcorre por diante do Cristo da Esperanza e que vai desde a N500 ata a Pesqueira.

    A obra conta cunha financiación ao 30% municipal e 70 % provincial e estará rematada antes de que finalice o presente ano 2023.

    As accións que se levarán a cabo no vial son basicamente as seguintes: mellora da mobilidade peonil mediante creación da senda. Adaptación da drenaxe á nova aliñación proxectada. Execución dos servizos urbanos necesarios: soterramento de iluminación, rede eléctrica e de telecomunicacións. Execución do pavimento da nova ordenación utilizando xabre, formigón, lastra, baldosas e laxas de pedra. Reforzo do firme da calzada no vial municipal mediante fresado e reposición da capa de rodadura. Reinstalación da sinalización vertical e horizontal adaptada á nova ordenación do ámbito e instalación de mobiliario urbano.

    A obra require de actuacións previas e movemento de terras. Os traballos comezáronse coa retirada dos elementos de superficie: sinais e postes, para poder continuar posteriormente coa demolición dos pavimentos existentes que corresponda. Unha vez realizada a demolición dos pavimentos referidos, previo corte lonxitudinal con disco, e xerado o sobreancho necesario para a nova sección, procederase ao saneo do terreo mediante o caixeado necesario para poder executar posteriormente o novo paquete de firme deseñado. En canto á drenaxe, debido á solución proxectada será preciso adaptar a drenaxe superficial á nova aliñación do vial. A auga superficial será recollida pola reixas e sumidoiros contiguos ao viario que conducirán a auga, a través de tubaxes ata os puntos de vertedura.

    Renovarase por completo a iluminación do vial, mediante o soterrado da liña e a instalación de novos puntos de luz con lámpadas led para mellorar a eficiencia enerxética da rede. A maiores, aprovéitase a actuación para executar a canalización dos servizos de electricidade e telecomunicacións. 

    O importe o que se refire a presente actuación ascende a un orzamento total de 446.545,39 euros. Os investimentos necesarios para a realización das mencionadas obras son financiados pola Deputación de Pontevedra e Concello de Mos mediante a achega da Deputación de Pontevedra 312.581,77 € (70 %) e Concello de Mos 133.963,62 € (30 % do importe das obras).

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.