Sábado, 3 Maio de 2025

Feridas dúas persoas nun accidente múltiple en Mos

Un accidente múltiple, con seis vehículos implicados, sáldase con dúas persoas trasladadas polos servizos sanitarios de urxencia, no concello pontevedrés de Mos.

O accidente tivo lugar pasados poucos minutos das 07:30 horas desta mañá na autovía A-55, sentido Vigo, concretamente á altura da gasolineira, ao seu paso pola parroquia de Tameiga. Así o indicaban os usuarios da vía que chamaron ao 112 Galicia para informar do sinistro.

Con estes datos, os xestores de Emerxencias 112 Galicia alertaron do sucedido a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos axentes de Tráfico e aos membros do Servizo Municipal de Emerxencias de Mos. Do mesmo xeito, informaron aos Bombeiros do Porriño e voluntarios de Protección Civil da localidade por se fose precisa a súa intervención.

Compre sinalar que o 112 Galicia solicitou a colaboración dos servizos de mantemento da vía para recuperar as condicións de seguridade.