Xoves, 13 Febreiro de 2025

A empresa Demsu doa case que dúas mil pantallas protectoras aos centros de ensino medio e bacharelato de Mos

Na mañá de onte, xornada da última incorporación ás aulas, a empresa Desmu fixo entrega ao alumnado do IES de Petelos, en Mos, das últimas 745 pantallas protectoras das preto de 2.000 que ten entregado aos centros de secundaria e bacharelato, logo de telo feito, con anterioridade, aos máis pequenos. No acto, os representantes da empresa Carlos Alves e Javier Berbel estiveron acompañados pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo e pola concelleira de Educación, Julia Loureiro.

DEMSU realizou unha demostración ao profesorado e estudantes da eficacia da pantalla protectora como medio para impedir o contaxio da COVID-19. Así, Javier Berbel, explicou que a pandemia da COVID-19 supuxo “a reorientación dunha liña de produción da súa empresa para dedicala a fabricar equipos de protección persoal” (EPI). O resultado foron estas máscaras que pola súa dimensión, peso e capacidade de fixación á cabeza das persoas usuarias resultan as máis completas do mercado, xa que non pesan, non apertan e non se embazan. O deseño e fabricación, 100 % galegos, convértena no complemento idóneo para garantir as actividades tanto escolares, como profesionais e diminuír así a propagación do virus.

A alcadesa de Mos, Nidia Arévalo, lembrou ás e aos estudantes a importancia de coidar as medidas recomendadas polas autoridades sanitarias, insistindo en que na adolescencia tamén hai COVID-19 e que deben protexerse.

As máscaras fabricadas por DEMSU naceron no seu propio laboratorio de I+D e cumpren todas as condicións sanitarias e de calidade, garantidas pola normativa europea UNE 166:2002. Fabrícanse en varias cores para facilitar os grupos burbulla ou de traballo, e dispoñen de versións para público adulto e infantil. As pantallas protectoras destacan ademais polo seu alto nivel de confort, xa que “o peso resulta mínimo e o agarre á cabeza é dobre. Ademais, é lavable con auga e xabón”, destacou Javier Berbel. A pantalla protectora ademais da parte frontal da cara chega ata os oídos, o que garante a máxima protección. A distancia de separación da cara e as súas diademas axustables tamén lle confiren unha alta operatividade.

DEMSU é unha empresa situada no municipio e dedicada ao deseño e fabricación de moldes de inxección, principalmente para o sector da automoción, realiza a doazón grazas a un acordo co Concello e ao impulso do proxecto CONNECT de Tecnópole e Xunta de Galicia.