Domingo, 4 Maio de 2025

A Asociación de Veciños de Torroso asinou hoxe a cesión de terreos que permitirá a humanización da contorna parroquial de San Mamede

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo Gómez e o concelleiro de urbanismo e edil da parroquia de Torroso, Alberto Mendez Lago;  reuníronse esta mañá co Presidente da Asociación de Veciños de Torroso, Juan José Romero Dominguez e demais membros da Xunta directiva, para proceder á sinatura da cesión de terreos do que na actualidade é o proxecto máis grande de toda Galicia do Plan Hurbe, ascendendo o orzamento total da obra de humanización a case 400.000 euros, 390.000 euros para ser exactos. Dos que a administración autonómica asume o 70% e o Concello financia un 30%.

Esta obra de humanización integrará o Centro Dotacional, o antigo Centro Cultural e a Igrexa de San Mamede nun espazo máis humanizado e habitable. Trátase dunha das principais promesas do programa electoral do goberno local mosense á que se dá cumprimento coa posta en marcha do proxecto.

A actuación abarcará uns 7.000 metros cadrados e suporá un cambio radical na parroquia, facendo máis habitable e humanizado o centro neurálxico da mesma; onde se concentran habitualmente gran número de veciños e foráneos que acuden a diario a esta zona para participar en actividades lúdicas, relixiosas, culturais, musicais…etc.

O Concello de Mos leva desde outubro traballando neste proxecto que se atopa dentro do Plan Municipal ‘Mos Humanizado’ e neste senso a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, agradeceulles hoxe

Á Asociación de Veciños a cesión de estes terreos xa que esta obra marcará un antes e un despois na parroquia.

Asi mesmo a rexidora local agradeceu tamen enormemente o seu arduo labor neste proxecto tanto ao arquitecto municipal, Manuel Toucedo, como á arquitecta mosense, Estefanía Grandal, que quixo sumarse desinteresadamente a este proxecto, xa que é veciña da parroquia de Torroso, coa que non dubidou en colaborar para mellorala co seu excepcional traballo.

O prazo de execución desta obra é de 9 meses e os traballos a realizar consisten nun proxecto de urbanización e acondicionamento para uso de lecer e esparcemento, tratando de unificar o conxunto do vial e o torreiro da festa cunha pavimentación con materiais pétreos, así como deseño dunha peza de unión realizada con pedra. Nesta peza concéntrase a maior parte da intervención: asentos, iluminación, escaleiras de paso, vexetación, etc.

A humanización complétase coa execución dunha beirarrúa pola estrada Puxeiros-Mos que conectará o vial pavimentado co Centro Dotacional do Medio Rural de Torroso. Ademais realizarase un proxecto de iluminación con luminarias integradas no pavimento en diálogo co lugar e a intervención, e retiraranse as liñas aéreas (que serán soterradas) e as luminarias sobre postes, que serán substituídas por luminarias sobre báculos.

Como xa se dixo, as obras a realizar, comprenden a substitución do pavimento de aglomerado asfáltico por un pétreo (enlosado de granito/adoquín con solera de formigón baixo o pavimento) máis acorde co entorno, o que conlevará tamén unha renovación das instalacións, dotación de novas non existentes e reordenación do conxunto dos espazos adxacentes á Igrexa co consecuente novo amoblamento e deseño.

Os traballos de xardinería incluirán un estudo da vexetación existente para a súa mellora ou substitución. Xeración de novas sombras nos itinerarios propostos e axardinamento de baixo porte nos espazos ou percorridos que así o requiran.

A aceptación da subvención da Consellería de Medioambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia con cargo ao Plan HURBE para financiar o 70% da Humanización da Contorna Parroquial de San Mamede-Torroso foi aprobada no pleno extraordinario do 16 de xuño cos votos a favor do equipo de goberno local e as abstencións de PSOE, GañaMOS e BNG.