Luns, 9 Decembro de 2024

Tui edita un calendario do 2020 con portas da Eurocidade pintadas por Rosa María Vila

Poderase obter un exemplar a cambio de dous quilos de alimentos na casa do concello dende hoxe martes 10 de decembro

‘2020. Abrindo portas…’ é o título do calendario de 2020 que vén de editar o Concello de Tui. Está ilustrado con pinturas de portas da Eurocidade Tui-Valença realizadas pola artista tudense Rosa María Vila. Así na portada figura o Pórtico da Catedral de Tui e a Porta da Coroada de Valença.

Os doce meses do ano son ilustrados coas portas tudenses do convento das Clarisas, a gótica de San Domingos, a románica da Catedral, a do Casino Vello na Corredoira, a de Villa Blanca na rúa Augusto González Besada, e unha porta da rúa Canicouva. Mentres de Valença recóllense as portas da igrexa de Santa María dos Anxos, da Casa do Poço, da capela do Bom Jesús, da Casa do Eirado, da Casa da Toga e a Porta do Meio.

Os calendarios distribuiranse hoxe martes, e até fin de existencias, a cambio de dous quilos de alimentos non perecedoiros por exemplar na Casa do Concello. Todos os alimentos entregados serán logo distribuídos polos Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Tui e SOS Tomiño Baixo Miño.

Agradécese principalmente a entrega de leite, cacao, galletas, conservas, botes de garavanzos, lentellas e fabas, produtos de Nadal…