Mércores, 19 Marzo de 2025

Teatro, música e cinema centran a programación cultural de febreiro e marzo en Tui

O Teatro Municipal acollerá os venres os seis espectáculos previstos. As entradas están xa á venda en tui.gal

Contraproduccións, Rilo e Penadique, Roi Borrallas, Gramola Gominola e Con de tres pés actuarán no Teatro Municipal de Tui nos meses de febreiro e marzo. As funcións terán lugar cada venres e inclúen tamén a proxección de “O corno” de Jaione Camborda. Esta nova programación, presentada polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro e a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, está formada por un total de seis espectáculo dirixidos tanto a público adulto coma familiar. As entradas están xa á venda a través de tui.gal e poderán adquirirse até 10 minutos antes do inicio da cada función.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, reafirma o compromiso do Concello de Tui coa cultura mantendo a aposta por unha programación estable e de calidade que atrae a miles de persoas anualmente, tanto de Tui coma de municipios limítrofes e do norte de Portugal.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, destaca que esta proposta cultural que abre a programación de 2024 neste espazo escénico vai dirixida a todos os públicos dende bebés a adultos, cun abano diverso de propostas teatrais, de clown, música e cinema.

A compañía Contraproducións será a encargada de abrir esta nova programación o próximo venres, 2 de febreiro, ás 21 h con “Entrega na man”. A obra escrita por Martin McDonagh está adaptada e dirixida por Cándido Pazó. Evaristo Calvo, Santi Romau, María Roja e Diogo Sales protagonizan esta comedia, cunha duración de 90 minutos, na que unha parella tenta enganar a un home que perdeu a súa man hai 27 anos e ofrece unha recompensa por recuperala. As entradas teñen un prezo de 10 € e 7,5 €.

O venres, 9 de febreiro, haberá dúas funcións de “Triscus Beliscus” ás 17.30 h e ás 19 h, cun aforo limitado a 100 espectadores por función. Vero Rilo e Sonsoles Penadique levan a escena este espectáculo de narración oral e música dirixido a familias con nenos e nenas de 1 a 3 anos. Baixo a dirección de Verónica Martínez levan a escena esta obra, cunha duración de 35 minutos, xogando, contando, cantando e bailando. As entradas teñen un prezo de 5 € e 3,5 €.

Roi Borrallas presentará o venres, 16 de febreiro, ás 19 h “Sólo” un espectáculo que recibiu o Premio Feten 2023 á Mellor Interpretación Masculina e o Premio Zirkólina 2022 ao mellor Espectáculo de Pallasos/as. Dirixido a público a partir dos 5 anos, e cunha duración de 45 minutos, poderemos coñecer coma é un pallaso cando ninguén o ve. As entradas pódense adquirir xa en tui.gal a 5 € e 3,5 €.

A música abrirá a programación de marzo, o venres 1 ás 19 h, co concerto “As que máis molan da Gramola” no que Paco Cerdeira, Paula Romero, Anxelo de Xermar e Rodrigo Múñoz, A Gramola Gominola, interpretarán unha selección das mellores cancións rockeiras da súa carreira. As entradas están á venda aos prezos de 5 € e 3,5 €.

A proxección de “O Corno” de Jaione Camborda será a cita do venres, 8 de marzo, ás 21 h. O filme protagonizado por Janet Novás, Siobhan Fernándes, Carla Rivas, Daniela Hernán Marchaán, María Lado, Julia Gómez, José Navarro, Nuria Lestegás e Diego Anido recibiu a Concha de Ouro á Mellor Película no Festival de San Sebastián o ano pasado. Conta a historia de María, que tras un suceso inesperado fuxe do seu fogar na Illa de Arousa, cruzando a fronteira por unha das rutas de contrabandistas entre Galicia e Portugal. As entradas pódense adquirir aos prezos de 6 € e de 4,5 €.

Pecharase esta programación o venres, 15 de marzo, ás 21 h Con de tres Pés coa representación de “Síbaris”. Carlos Blanco, Belén Constenla, Oswaldo Digón e Pablo Novoa levan a escena a obra teatral póstuma de Domingo Villar. Un escritor, Víctor Morel, está nun bloqueo creativo que afecta a súa situación económica. A piques de tocar fondo a súa muller atopa unha saída. A entradas pódense adquirir aos prezos de 12 € e 9 €.