Sábado, 3 Maio de 2025

Tomiño celebra o 1 de maio a ‘II Carreira do Día do Traballador’

Tomiño celebrará o 1 de Maio cunha xornada de deporte, saúde e diversión. O centro da vila acollerá a ‘II Carreira Día do Traballador’, unha proba organizada polo Tebra F.C. en colaboración co Concello na que se anima a participar a todas as persoas “nunha mañá festiva e saudable”. O obxectivo desta proba é “fomentar o deporte e celebrar un día de festa” ao tempo que se recadan fondos. e dende a organización esperan superar este ano os máis de 100 inscritos da primeira edición.

A saída será ás 10.30 horas dende o centro de Tomiño para as dúas modalidades a elixir este ano: a carreira de 10 km e a carreira de 5 km. O circuíto será sinxelo e accesible, que transcorrerá cara o centro de saúde ata chegar ao tanatorio e volta, para chegar á meta de novo á Praza do Seixo. Para facilitar o desenvolvemento da carreira a estrada que une o tanatorio co centro da vila permanecerá pechada de 09:00 a 13:00 h.

O prazo de inscrición remata o vindeiro domingo 28 de abril, ás 24:00 h. As persoas interesadas en participar poden anotarse a través da páxina web championchipnorte.com.

Dende a organización queren agradecer a todos os comerciantes e colaboradores que achegan o seu gran de area para a celebración desta proba. Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Ismael Troncoso, anima a todas as persoas a inscribirse e desfrutar desta xornada deportiva e lúdica a partes iguais.