11 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoTomiño agradece a labor da Agrupación Musical de Goián

    Tomiño agradece a labor da Agrupación Musical de Goián

    O pasado sábado, o Concello de Tomiño ofreceu no Salón de Plenos unha recepción á Agrupación Musical de Goián para agradecerlle a súa labor e os seus recentes galardóns no XIII Certame Galego de Bandas de Música Populares. A banda tomiñesa acudía coa obra «Lobo de Río», do compositor goianés Andrés Álvarez, grazas a cal acadou o ‘Primeiro premio’ con 481 puntos na sección terceira, e o premio á «Mellor interpretación dunha obra de temática galega».

    A Agrupación, tras interpretar un pasarrúas pola Praza do Seixo, chegou ao Concello, onde a agardaban membros da corporación municipal para darlle os parabéns. De alí, trasladáronse ao Salón de Plenos, onde tivo lugar a homenaxe institucional.

    A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, tomou a palabra para agradecer ao colectivo en nome de todo o Concello, a súa entrega e bo facer, lembrando o nacemento da agrupación hai máis de 2 décadas e da escola de música, á que asisten máis de 130 persoas de todas as idades, especialmente nenos e nenas.

    A rexedora salientou o traballo das distintas directivas que axudaron a consolidar o “un proxecto pedagóxico único”, e a figura de Andrés Álvarez, músico saído da agrupación e recoñecido compositor de música de banda na actualidade. Tamén tivo palabras de agradecemento para Pedro Villarroel, actual director, “cuxo esforzo, disciplina, ánimo, entusiasmo e tenacidade” fan da banda unha familia que se enfronta a constantes desafíos, sempre cun sorriso”.

    Pilar Ramos, presidente da agrupación musical goianesa, agradeceu as palabras da alcaldesa, e o apoio incondicional do Concello, sen o cal o proxecto non sería posible. Salientou asemade o papel do director, que fai posible coa súa perseveranza a consecución de cada obxectivo, coma os premios obtidos nos certames, sacando de cada alumno ou alumna o mellor de cada un.

    Pechou a quenda de discursos, o propio director, Pedro Villarroel, quen asegurou que “así coma Tomiño atópase orgulloso da súa banda, a banda séntese orgullosa do pobo que ten. Quero por en valor o traballo que fan os integrantes da agrupación e o talento que sen dúbida teñen. Conseguimos o éxito pero so polo traballo que facemos todos os días, lembrou, antes de pechar o acto coa interpretación do himno galego. Finalmente, a directora da agrupación e o director foron convidados a asinar no Libro de Honra do Concello.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.