11.1 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoO Parque da Amizade Tomiño-Cerveira, "unha nova zona franca social" no territorio...

    O Parque da Amizade Tomiño-Cerveira, “unha nova zona franca social” no territorio transfronteirizo do Miño

    O auditorio da Fortaleza de Goián serviu hoxe para presentar o proxecto definitivo do primeiro parque transfronteirizo da Eurorrexión e da ponte peonil e ciclista que o fará posible

    O lugar onde máis próximas están as beiras do Miño no seu último treito, onde se miran Espazo Fortaleza de Goián e do Parque do Casteliño, vaise converter nun só parque sen mirar fronteiras: o Parque da Amizade Tomiño-Cerveira. Unha ‘euro-área’ de 25,6 hectáreas unida por unha nova ponte peonil e ciclista que permitirá un espazo común público, urbano e de lecer que se constituirá no único parque transfronteirizo da Eurorrexión e dos maiores de toda a Europa.

    O proxecto foi presentado hoxe oficialmente nun acto presidido pola presidenta da Deputación Carmela Silva e o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez e os anfitrións, a alcaldesa de Tomiño Sandra González e o presidente da Cámara de Cerveira Fernando Nogueira. Asistiron autoridades dos gobernos centrais como a ministra de Coesão Ana Abrunhosa e a secretaria de estado de Valorización de Interior de Portugal Isabel Ferreira, e a subdelegada do Goberno Maika Larriba; e autoridades autonómicas como o presidente da CCDR-N Antonio Cunha e o vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda, amosando o seu apoio á iniciativa. Tamén houbo representantes da Comandancia de Mariña, da Capitanía do Porto de Caminha, do CIM Alto Minho, autoridades autonómicas e rexionais, así como as persoas integrantes do xurado do concurso de ideas da ponte peonil, e de entidades sociais e económicas do Concello de Tomiño.

    O deputado Uxío Benítez, que fixo de guía do evento, explicou que o Parque da Amizade responde “á vontade de dous concellos de trazar unha axenda estratéxica común, de crear un verdadeiro espazo público europeo e de consolidalo a través dunha unión peonil e ciclable. Un espazo común que aínda hoxe sen unión física está a ser trazado de xeito cohesionado e complementario”.

    En canto aos servizos que se darán no novo espazo, o nacionalista subliñou que os concellos de Tomiño e Cerveira traballarán para darlle un novo pulo completando os equipamentos actuais cun novo parque botánico e unha zona de glamping, así como con piscinas, campos de xogo e incluso un novo museu, co fin de facer o parque aínda máis atractivo.

    Lembrou que se trata dun espazo clasificado como Rede Natura 2000, unido coa estación de trens de Cerveira, dende o que é fácil conectar o Alto Miño e o Baixo Miño galego, Porto-Vigo, Lisboa-Madrid, Portugal-España, pero tamén percorrer un “Anel Verde transfronteirizo”, con máis de 400 quilómetros de vías naturais existentes nas dúas marxes, e gozar do máis recente proxecto de repartición de bicicletas eléctricas entre as tres Eurocidades do río Miño. “Este é un claro exemplo do slogan de atracción turístico de “dous países, un territorio”, subliñou.

    A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o presidente da Câmara Municipal de Cerveira, Fernando Nogueira, impulsores do proxecto

    A parte máis emotiva do acto correu da man da alcaldesa de Tomiño e o alcalde de Cerveira, quen subliñaron o traballo histórico conxunto e as fondas relacións sociais entre ambas as beiras. “Hoxe colocamos un fito importantísimo para afondar na irmandade dos nosos pobos, contribuíndo a desfronteirizar a vella Europa para xerar un espazo común , un parque único e continuo enclavado nunha vella fronteira. Queremos consolidar unha gran ‘zona franca social’”, subliñou Sandra González, quen fixo un chamamento ás maquinarias dos gobernos de Madrid e Lisboa para que o proxecto do Parque da Amizade sexa unha realidade canto antes.

    Tamén Fernando Nogueira aproveitou o seu discurso para reivindicar “a maior atención e apoio de todas as entidades aquí presentes para ultrapasar procedimentos operacionais administrativos e burocráticos” e así contriburír “á consolidación dos valores e do soño europeo”.

    Unha liña sobre o miño. Un lugar transparente e aéreo

    A nova ponte peonil e ciclista que unirá ambas beira, e que segundo Benítez a pesar de ser espectacular é“o só é o medio para conseguir o obxectivo: o espazo conxunto”, foi explicada polos enxeñeiros e arquitectos da UTE Bernabeu&Garrido. Puido coñecerce grazas a un vídeo de realidade virtual proxectado nunha pantalla de grandes dimensións, que permitiu ás persoas asistentes ter diferentes vistas aéreas de como se levantará entre ambas beiras e cruzalo a pé e en bicicleta de maneira virtual.

    Os autores explicaron que a nova ponte Goián-Cerveira propúxose co lema ‘Unha liña sobre o Miño’ como unha construción extremadamente lixeira e aérea, cuxa posición e estrutura preserva as vistas cruzadas das fortalezas situadas a un lado e outro do Miño. “Respecta as delicadas ecoloxías do río e a súa xeometría de doble curvatura fará da súa travesía unha experiencia intensa, profunda e memorable na que a paisaxe sempre variable que se abre cara o Atlántico, ao sur, e ao valioso patrimonio histórico, ao norte, é o máis importante”.

    Subliñaron que a ponte proposta distínguese claramente da estrutura da Ponte da Amizade situada augas arriba a menos de 1.500 metros, e que o seu uso exclusivamente ciclista e peatonal permite empregar unha estrutura “máis audaz”, maiores luces e un planeamento estratéxico no que a experiencia do cruce e a relación coa paisaxe son “determinantes e ineludibles”, polo que é o máis transparente e aéreo posible. Créase un “lugar propio” que desvela unha paisaxe inédita “que alonxándose das edificacións de Vila Nova de Cerveira e das fortalezas, descubre a inmensidade do estuario do río Miño con toda a súa potencia natural fronte ao silencio formal e expresivo da ponte”.

    O viaduto colgante ten 330 metros de lonxitude e 9,20 metros de gálibo. A estrutura horizontal está composta por unha plataforma de catro metros de largo cun pavimento de madeira e de formigón e lastro portugués nos extremos, completada cunha varanda de malla metálica con pasamán de aceiro. A estrutura vertical está composta por dous apoios de aceiro na ribeira, que enlazan ao sur do Espazo Fortaleza, tamén na zona do auditorio, e ao sur do Parque do Castelinho. Igualmente non terá afección nin á praia nin ao illote.

    Carmela Silva: unha actuación que vai namorar a todas e a todos

    “Hoxe é un día fermosísimo porque estamos a falar de amizade, de fraternidade, de transformación, de ideas, de compromiso cun mundo novo onde o medio ambiente e o coidado do territorio son protagonistas” asegurou a presidenta Carmela Silva durante a presentación do Parque da Amizade e da ponte peonil e ciclable sobre o Miño. “Nesta comarca hai grandes valores medioambientais, culturais, históricos, unha lingua que nos une, unha economía moi potente pola que temos que seguir a traballar para construír futuro. Este proxecto, que permitirá unir a dous pobos veciños a través do Miño, é así de ambicioso”, manifestou ao tempo que subliñou a calidade estética desta actuación que “vai namorar a todas e a todos”.

    A presidenta da Deputación, Carmela Silva, nun momento da súa intervención

    A presidenta, que comezou a súa intervención facendo fincapé na ampla maioría de mulleres políticas presentes no acto e nas mulleres que historicamente en ámbalas dúas marxes do Miño traballaron e garantiron a economía, amosou a súa seguridade de que o proxecto será realidade “polo empuxe das mulleres” e destacou que “sen a visión política das mulleres, que sitúan ás persoas no centro da acción política, non sería tan marabilloso como este”. Tamén recordou o nacemento da iniciativa da man do mundo local, “o que mellor coñece a realidade e sabe o que realmente é tractor para o cambio. O mundo local reclama que este proxecto sexa unha realidade”.

    Carmela Silva, que rematou cuns versos da canción “Acuarela” de Toquinho, fixo tamén un chamamento a “mudar neste século XXI moitas cousas que fixemos mal no XX, recuperando o amor pola natureza e impulsando unha economía na que as persoas sexan o centro de todo”. Neste eido, destacou o compromiso da Deputación: “que dende fai seis anos está a transformar e mudar a provincia, cun modelo claro sostible, xerando economía, mantendo a poboación en todo o territorio e garantindo dereitos e servizos para todas as persoas”.

    Apoio expreso dos gobernos

    Logo da presentación do proxecto, nos discursos institucionais, a ministra de Coesão de Portugal, Ana Abrunhosa, subliñou que cumprirá a súa palabra de que a futura ponte peonil que permitirá o Parque da Amizade sexa unha realidade. Destacou, de feito, que se trata dunha iniciativa que é prioritaria “e magnífica” para o goberno portugués e que debería ser incluso anterior que a alta velocidade que una Porto e Vigo.

    A ministra de Coesão do Goberno de Portugal, Ana Abrunhosa

    “Todos os proxectos que fortalecen a ligazón entre Portugal e Galiza son prioritarios. No tren estamos a traballar. A cooperación transfronteiriza é fundamental para nós porque a fronteira debe ser o lugar central da península Ibérica”, subliñou. Lembrou tamén que os dous estados asinaron unha Estratexia Común de Desenvovemento Tranfronteirizo na Cimeira do ano pasado.

    O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, durante a súa intervención

    O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destacou que a Xunta de Galicia traballará en favor da materialización da ponte e de outros proxectos para o desenvolvemento do territorio transfronteirizo . “Podedes contar coa Xunta dende agora e ata o final. Esta ponte vai ser unha realidade”, dixo, lembrando que o proxecto, ao igual que outros destinados á Eurorrexión está incluído dentro dos que se enviaron para o financiamento cos fondos europeos do Next Generation.

    A subdelegada Maika Larriba destacou que o goberno español acolle con máximo interese este proxecto. “O Miño hoxe máis que nunca tense que converter nunha oportunidade para o desenvolvemento das localidades a ambas beiras e nunca máis nunha barreira natural. Lembrou que “vivimos non hai moitas datas o que supón votar a tempos atrás cando o río era unha fronteira infranqueable. A situación sanitaria pola COVID-19 obrigou a pechar as pontes para tratar de controlar a pandemia, e a veciñanza de ambos lados sufriron os problemas derivados desta situación. Pero ese esforzo non foi en balde. Hoxe podemos estar todos aquí celebrando dun xeito unido o que vai ser nun futuro, espero que non moi longo, un novo punto de encontro entre ambas beiras do Miño”.

    Finalmente, o presidente do CCDR-N, Antonio Cunha, cualficiou na súa intervención de “magnífico” o proxeto do parque e o da ponte e destacou que a súa “naturalidade” permitirá levalo adiante.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.