Sábado, 3 Maio de 2025

Os socialistas de Oia piden no Pleno máis axudas a Pemes e autónomos ante a crise da COVID-19

A Casa do Concello de Oia acolleu hoxe xoves, 28 de maio, a celebración dun Pleno extraordinario a petición do Grupo Municipal Socialista e que, na orde do día, trataba das medidas encamiñadas a paliar os efectos económicos da crise do COVID-19 nas pemes e autónomos do municipio.

Nesta sesión, o voceiro do PSdG-PSOE de Oia, Gerardo Rodríguez, botou en cara ao grupo de Goberno, encabezado por Cristina Correa, o “ter que convocar un pleno extraordinario para coñecer as medidas adoptadas ata o momento dende o consitorio local”.

Segundo o portavoz socialista, logo “da negativa constante por parte da alcaldesa a adoptar medidas de apoio económico aos sectores do comercio e hostalaría local”, chegouse finalmente a un mínimo consenso coa idea de crear un grupo que estude a dinamización dos mesmos, e nos que estarán representados os distintos grupos políticos do municipio e representantes de empresarios e autónomos.

Gerardo Rodríguez reprochou “o nulo apoio por parte da Xunta de Galicia aos Concellos”, facendo fincapé que só por parte da Deputación de Pontevedra, se ten recibido algo de axuda.