Venres, 2 Maio de 2025

O teatro chega a Oia da man da Deputación

O Centro Cultural de Mougás, no concello de Oia, será escenario este martes 31 de outubro da actuación de Simplemente Enricco, que porá en escena o espectáculo “Heinrich, aprendiz de mago”, no marco do ciclo “Tornar ás táboas”, co que a Deputación de Pontevedra está a espallar o teatro por toda a provincia neste último trimestre do ano. A función, dirixida para o público infantil e familiar, está prevista para as 17:30 horas.

Este espectáculo de maxia, teatro e circo, da autoría de Juan Enrique Hernanz Lazaro, quen tamén é o seu intérprete, amosa a historia dun mago peculiar, Heinrich, quen pese á súa aparencia é un desastre coa maxia. Case nunca lle saen os trucos ou nótase a trampa. Pero baixo este personaxe ocúltase un veterano malabarista e equilibrista que realizará arriscados números e nunha estrutura de funambulismo, ata logrará levitar. Nalgún momento do espectáculo, para sorpresa do protagonista, comezarán a suceder cousas misteriosas e inexplicables no escenario.

​Co ciclo teatral “Tornar ás táboas” a Deputación de Pontevedra vai achegar entre outubro e decembro un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, coa participación de trinta compañías galegas que ofrecerán unha ampla variedade de espectáculos.