Sábado, 3 Maio de 2025

O alumnado mosense recibe a visita da Policía Local e Emerxencias

Onte comezou o programa educativo desenvolvido durante o horario lectivo, mediante o que o Concello leva aos colexios a policías e bombeiros, dúas profesións enormemente admiradas polos cativos

Onte iniciouse o programa de visitas da Policía Local de Mos e do Servizo Municipal de Emerxencias do Concello de Mos aos colexios do municipio que periódicamente se organiza desde a Concellería de Educación.

Trátase dunha actividade dentro do horario lectivo que ten un enorme éxito e xera gran expectación entre a cativada, pois trátanse de colectivos profesionais que o alumnado admira profundamente. Os nenos e nenas reciben a policías, bombeiros e Protección Civil sempre cun sorriso e moitísima emoción.

As actividades organizadas nos centros educativos, dirixidas a alumnos/as de Educación Infantil e de 1º a 5º de Primaria, inclúen circuito de educación viaria, charla de seguridade viaria, charla descriptiva do servizo municipal de Emerxencias do Concello de Mos, exposición e explicación do funcionamento do parque móbil, tanto policial como de emerxencias, etc.

Os obxectivos desta iniciativa son dar a coñecer entre o alumnado do municipio tanto os recursos materiais como persoais do servizo da Policía Local e de Emerxencias. E coñecer o seu funcionamento dunha forma lúdica.

A actividade lévase a cabo na súa primeira parte no interior do colexio e na segunda parte, relativa á exposición dos vehículos e material, no patio ou zona exterior do centro educativo. Alí os axentes da Policía Local e/ou persoal de Emerxencias explican as súas funcións e lles ensinan aos nenos algúns dos recursos materiais dos que dispoñen.

Tamén lles ensinan os vehículos por dentro, deixando que suban e poñan a serea… Todo un descubrimento para os máis pequenos.