11.3 C
Pontevedra
Mércores, 22 de Marzo de 2023
Máis
    HomeBaixo MiñoOiaA Xunta inviste en obras para reducir o risco de inundación no...

    A Xunta inviste en obras para reducir o risco de inundación no río Viladesuso en Oia

    A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou hoxe a licitación por máis de 342.000 euros das obras para reducir o risco de inundación no río Viladesuso, no concello de Oia, que se iniciarán este mesmo ano.

    Así o adiantou Vázquez Mourelle na presentación, xunto coa alcaldesa, Cristina Correa, destas actuacións, coincidindo coa posta en marcha da contratación dos traballos para minimizar o risco de asolagamento neste río, na zona da ponte da Serra Seca.

    A titular de Infraestruturas e Mobilidade avanzou que as empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 17 de marzo para presentar as súas ofertas a este contrato. A partir de aí, dixo, continuarase cos trámites oportunos, co obxectivo iniciar as obras este mesmo ano. Os traballos teñen un prazo de execución de 6 meses, polo que estarán finalizadas a mediados de 2024.

    Ethel Vázquez detallou que esta actuación é froito da colaboración entre a Xunta e o Concello para minimizar os efectos producidos polas enchentes no río Viladesuso e acadar unha rápida e mellor recuperación ante posibles asolagamentos.

    Lembrou que a contorna do río, na zona da ponte da Serra Seca, está cualificada como área de risco potencial significativo de inundacións, no Plan de inundacións da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, que é a conca de competencia autonómica.

    Tal e como establece o convenio asinado co Concello, a Xunta será a encargada de executar e financiar integramente as obras, cun investimento de 342.000 €. Pola súa banda, a administración local, ademais das autorizacións precisas, pon á disposición os terreos necesarios para acometer os traballos, para o que foi preciso realizar expropiacións.

    A responsable da entidade hidráulica da Xunta explicou que as intervencións que se levarán a cabo para minimizar riscos céntranse na mellora do comportamento hidráulico deste río ao paso por Oia e completan as xa realizadas en anos anteriores cun investimento autonómico de 152.000 €.

    Agora, Augas de Galicia acometerá novas actuacións para incrementar a sección do río na zona da ponte da Serra Seca e a protección do leito fronte á erosión, especialmente nos tramos curvos.

    Explicou que unha primeira intervención estará encamiñada a protexer a canle do río na marxe esquerda, coa construción dun noiro de protección de dique con dous mantos, un principal de escolleira baixo o que se coloca un secundario que actúa a modo de filtro drenante.

    A segunda actuación busca aumentar a sección hidráulica da ponte coa construción dun marco prefabricado de formigón de 4 metros e unha pendente constante do 5% como o leito do río. Augas arriba das estruturas, entre o estribo da ponte e o novo marco, executarase unha pequena cuña triangular de formigón para facilitar o fluxo da auga.

    A conselleira explicou que tamén se vai a facer un retranqueo do leito na marxe esquerda, construíndo un novo muro, para dar continuidade hidráulica á actuación executada na ponte; e derrubárase o muro actual pola outra marxe, pola dereita, coa construción dun novo muro retranqueado para minimizar o risco de inundación nesa zona.

    Ethel Vázquez indicou que na intervención se reforzará a marxe dereita do río coa construción dun noiro, de modo similar ao da marxe esquerda. Finalmente, dixo, será preciso realizar unha transición do reforzo do noiro proxectado na marxe dereita coa ponte, coa construción dun muro.

    Na obra vaise aproveitar e reutilizar todo o material depositado no leito do río: as rocas de maior tamaño, para a construción do manto principal de dique; e o resto, como manto secundario.

    Ethel Vázquez fixo fincapé na colaboración da Xunta e o Concello de Oia na suma de esforzos para completar as actuacións de mellora da capacidade hidráulica do río Viladesuso, para minimizar o risco de inundación e acadar unha rápida e mellor recuperación ante posibles asolagamentos.

    A actuación está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

    COLABORACIÓNS

    Miguel Sande, «Brinde e desespero»

    Miguel Sande está a presentar o seu novo poemario, «Brinde e desespero», co que recentemente acadou o XXV Premio Johan Carballeira. Xa falamos noutras ocasións neste mesmo espazo de como se están a diluír a cotío as xa febles liñas que separan os distintos xéneros literarios. «Brinde e desespero» é unha proba máis pois, a pesar da súa inequívoca cadencia lírica, Sande xoga a brincar con habilidade sobre as lindes da poesía para adentrarse no terreo da narrativa e darlle forma a unha prosa poética ben particular.

    Arantza Portabales, «O home que matou a Antía Morgade»

    Abad e Barroso chegaron un día para quedar, para alternar con Leo Caldas, Frank Soutelo e algúns dos outros detectives de referencia da literatura galega dos últimos anos.

    “Nigeria 70”, una trilogía para escuchar

    El Sello inglés Strut nace a finales de los 90. En el año 2008 es adquirido por el Sello !K7 Music, con sede en Berlín, Londres y Nueva York. Strut tiene como misión desenterrar las joyas perdidas del pasado de la música de baile.

    Xosé Monteagudo, «Vémonos mañá»

    Realidade e ficción conflúen na última proposta narrativa de Xosé Monteagudo, «Vémonos mañá», na que presenta o que poderiamos considerar unha dupla biografía novelada.

    Colaboradores

    Alberto Aliaga Sola
    20 POSTS0 COMMENTS
    Bea Sanfa
    14 POSTS0 COMMENTS
    Manrique Fernández
    81 POSTS0 COMMENTS
    Paz de la Peña
    41 POSTS0 COMMENTS
    Ricardo Canosa Bastos
    14 POSTS0 COMMENTS
    Roberto Mera
    6 POSTS0 COMMENTS
    Avatar
    1 POSTS0 COMMENTS