Martes, 11 Febreiro de 2025

O Rosal, un clamor en defensa do servizo de Atención Primaria

Centos de persoas concentráronse este sábado na Praza do Calvario do Rosal para denunciar, unha vez máis, as carencias do servizo de Atención Primaria que está a sufrir municipio dende hai tempo e pedir que se lle poña freo ao progresivo desmantelamento. A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal recalca que a situación dende o comezo da pandemia foi a peor, xa que o Sergas tomou unha serie de medidas presentadas como temporais “que agora ten intención de prolongar de xeito indefinido”.

Unha das eivas atópase no servizo de Pediatría, que se desprazou á Guarda de forma temporal pero que aínda non volveu ao centro de saúde rosaleiro e que nos últimos meses viuse agravada ao estar de baixa a pediatra titular e non ser substituída, polo que os nenos e nenas do Rosal carecen dun seguimento médico axeitado.

[su_image_carousel source=”media: 40367,40364,40368,40365,40366″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Non é unha situación illada: non se envían substitutos para o persoal de baixa, deixando ás e aos pacientes sen continuidade na asistencia médica, e impúxose a atención telefónica prioritaria, sobrecargando ao persoal sanitario na atención de pacientes e deixando a rosaleiros e rosaleiras cunha demora de máis de dúas semanas para poder acudir ao médico.

Por outra banda, o consultorio de San Miguel de Tabagón leva pechado pola Consellería dende comezos da pandemia sen perspectiva de que se lle dote do persoal e do material necesarios para reactivar a súa actividade.

Ademais, de cara ao verán, o Sergas xa anunciou que non se van substituír as vacacións do persoal, o que deixará ao centro de saúde cunha soa médica para máis de 6.000 persoas. Ante esta situación “absolutamente inaceptable que non fai outra cousa que deteriorar gravemente o servizo de atención primaria e poñer en grave perigo a saúde da veciñanza”, a Plataforma reclama á Consellería de Sanidade:

  • Un servizo de pediatría de calidade no Rosal.
  • A recuperación da praza de matrona.
  • A substitución das baixas e vacacións do persoal sanitario.
  • Atención presencial na Atención Primaria dotando aos profesionais dos medios precisos.
  • A creación dunha praza máis de persoal médico e dúas de persoal de enfermería.
  • A dotación das infraestruturas, espazos e equipamentos necesarios para unha Atención Primaria de calidade.

Durante a concentración as persoas participantes escoitaron o testemuño dunha das médicas do centro de saúde e recolléronse sinaturas para que se tomen medidas ante o progresivo deterioro do servizo que se entregarán nos vindeiros días na delegación da Consellería de Sanidade e na xerencia do SERGAS. Ademais, dende o pasado 1 de xullo a Plataforma ten un cartel no centro de saúde no que se vai actualizando cada día a información sobre o persoal que está de servizo nesa xornada.