O Concello do Rosal celebrará este mércores 25 de marzo un pleno extraordinario urxente para aprobar o expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito para que a Administración poida pagar coa maior axilidade posible as diferentes facturas pendentes sen esperar ao fin da crise sanitaria. A sesión celebrarase a porta pechada e coa asistencia mínima de concelleiros e concelleiras.
Entre as medidas adoptadas pola actual situación de emerxencia de saúde pública ocasionada polo COVID-19 estaban a suspensión das sesións periódicas ou ordinarias do pleno e das comisións informativas municipais, non obstante tendo en conta o efecto negativo que a pandemia terá sobre a economía de moitas empresas, PEMES e autónomos “consideramos urxente e necesario, na medida do posible, aprobar este recoñecemento de crédito para dar resposta inmediata a esta necesidade, que non pode agardar ao remate desta situación de emerxencia sanitaria”.
Este pleno celebrarase adoptando todas as medidas necesarias de prevención e as recomendacións dos organismos competentes para garantir a saúde de todas as persoas participantes. Por este motivo, o pleno celebrarase de modo excepcional a porta pechada e coa asistencia mínima de concelleiros necesaria para manter a proporcionalidade da Corporación municipal, acordada previamente cos portavoces dos grupos municipais. Así, a este pleno asistirán 4 concelleiros e concelleiras do BNG, 2 do PP e 1 do PSOE, practicamente a metade da Corporación municipal.