Sábado, 3 Maio de 2025

A Deputación da luz verde ao convenio co Concello do Rosal para iniciar o proxecto de mobilidade sostible Tabagón-Goián

Trátase dunha das actuacións máis ambiciosas nas infraestruturas provinciais que reconverterá de forma integral a EP 3303 entre O Rosal e Tomiño

O goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este próximo luns o convenio co concello do Rosal que supón o arranque do esperado proxecto de mobilidade segura e peonil na EP 3303 entre Tabagón e Goián (Tomiño). Trátase dun investimento fundamental para o Baixo Miño, baixo a filosofía de recuperar os espazos para as persoas, e que se traducirá na reconversión integral desta estrada, contribuíndo a fomentar a vida rural e mellorar as súas posibilidades de comunicación dun xeito sostible, potenciando unha alternativa ao vehículo privado que é a bicicleta. O proxecto total realizarase en tres fases e o convenio que se aproba o luns permitirá abordar o primeiro treito, un tramo de preto de 1,7 quilómetros dos 4,5 que ten a estrada. Esta primeira actuación conta cun orzamento de 650.444 euros, dos que a Deputación aportará o 80 % e o Concello o 20 %,

Esta vía conta cunha importante mobilidade a pé, tanto de peregrinos/as que buscan conectar coa Variante da Costa como de persoas que acoden a Tomiño, pero se caracteriza por un intenso tráfico que imposibilita que ese uso peonil se poida realizar con plenas condicións de seguridade. Agora, con este proxecto, modificarase a sección da estrada co que se poderá acometer a creación dun carril peonil e ciclista.

Amais, instalaranse redutores de velocidade, renovarase a rede de drenaxe e farase a canalización soterrada para a renovación da rede de alumeado público. Na zona da Escola Unitaria executarase unha plataforma de formigón nunha única rasante compartida para vehículos, persoas e bicicletas con prioridade peonil. Tamén, coas obras proxectadas, quérese contribuír á redución de emisións (Gases Efecto Invernadoiro), fomentando o transporte público, ciclista e peonil, disuadindo de vehículos emisores de gases coa redución da velocidade máxima a 30 quilómetros hora.