Xoves, 22 Maio de 2025

A Deputación aproba o proxecto para a “transformación radical” da EP-3303 Tabagón-Goián ao seu paso polo concello do Rosal

Carmela Silva: “Trátase dun proxecto dunha enorme relevancia, que vai actuar nunha estrada que conecta os concellos do Rosal e Tomiño estendendo un modelo de mobilidade centrado na recuperación do espazo para as persoas e na redución do CO2”

O goberno provincial vén de aprobar o proxecto para a execución da mellora da mobilidade peonil na Estrada Provincial 3303 Tabagón-Goián e impulsar a “transformación radical dunha parte moi importante do noso territorio”. “Trátase dunha actuación de enorme relevancia –asegurou a presidenta Carmela Silva–, que vai reformar unha estrada que conecta os concellos do Rosal e Tomiño estendendo un modelo de mobilidade centrado na recuperación do espazo para as persoas e na redución do CO2”. O proxecto abrangue un tramo de 1,7 quilómetros que transcorren integramente polo concello do Rosal e contará cun investimento de máis de 650.000 € dos cales 520.355 € serán achegados pola Deputación de Pontevedra (o 80 %) e 130.088 € polo concello (o 20 %).

A presidenta provincial adiantou que esta “potente actuación” contará con varias etapas para cubrir un tramo total de 4,5 quilómetros entre O Rosal e Tomiño. Na primeira fase, a que vén de ser aprobada pola Xunta de Goberno, remodelarase un treito de 1,7 quilómetros cun intenso tráfico e tamén unha importante mobilidade a pé, tanto de peregrinas e peregrinos que conectan co Camiño Portugués pola Costa como de persoas que acoden ata Tomiño. A través do proxecto, tal e como destacou Silva, “pretendemos deseñar unha estrada na que prime a mobilidade peonil e ciclista, fomentar hábitos saudables, favorecer o paso a unha economía baixa en carbono, minorar a velocidade do tráfico, reducir o ruído e potenciar o turismo saudable porque este tipo de actuacións atraen a moita xente doutros lugares para desfrutar do espazo e do territorio”.

En concreto, crearase un carril peonil e ciclista, completarase a plataforma de circulación cunha beiravía, acondicionaranse dous carrís de 2,80 metros de ancho, instalaranse redutores de velocidade, renovarase a rede de drenaxe e farase a canalización soterrada da rede de alumeado público. Amais, na zona do CRA María Zambrano disporase dunha plataforma única con limitación de velocidade a 20 quilómetros por hora. “Trátase da nova aposta da Deputación de Pontevedra por outra forma de entender a mobilidade nesta provincia” resumiu a presidenta.