Martes, 13 Maio de 2025

Remata con éxito o Obradoiro de Emprego Dual na Guarda

Hoxe venres día 22 de xullo de 2022 o Salón de Actos do Centro Cultural da Guarda acolleu o acto de clausura do Obradoiro de Emprego Manuel B. Portela VII que tivo lugar nos pasados 9 meses en formato dual, orientado á atención sociosanitaria en institucións e á promoción turística local e información ao visitante. 

No acto de clausura a Concelleira de Desenvolvemento Local e Educación, Fátima Rodríguez, amosou a súa satisfacción polo feito de que o alumnado deste obradoiro tivese a oportunidade de mellorar a súa inserción laboral e formarse na súa propia localidade, indicando que as prácticas realizadas tamén supoñen unha boa maneira de achegarse ao mercado laboral e por en práctica os coñecementos adquiridos ao longo destes 9 meses de obradoiro.

Para o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, o Obradoiro de Emprego é unha ferramenta moi importante para formar a veciños e veciñas da Guarda, a aposta do equipo de goberno municipal é continuar na mellora das instalacións, como as actuais obras de mellora da accesibilidade deste espazo e poder así formando a poboación guardesa sen necesidade de saír da vila.

Este obradoiro está subvencionado pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade.

Todas as persoas que participaron no obradoiro beneficiaronse dunha formación específica durante un total nove meses, realizando ademais traballos e servizos de interese xeral e público a prol da sociedade incluídos en cada proxecto, e ademais puideron optar a prácticas en entidades e servizos do propio concello.

Trátase dun programa de formación moderno, dual, orientado a desempregados, para mellorar a súa empregabilidade, posibilidades de futuro e inserción laboral, que ademais permitíu recibir unha remuneración durante nove meses. Esta formación contribuíu tanto ao seu beneficio persoal, mellorando a súa capacitación, como ao  da comunidade.