Luns, 5 Maio de 2025

Redactados os proxectos de reforma integral da 1ª fase do antigo Sinde e a Escola de San Lorenzo

No día de onte, o Concello da Guarda recibiu o proxecto de rehabilitación integral da Escola de San Lorenzo de Salcidos, que será presentado como proxecto de obra no seguinte obradoiro de emprego.

En caso de que o obradoiro sexa concedido este ano, participarán como alumnos-traballadores un total de 20 desempregados que obterán, ao finalizar a formación, o certificado de profesionalidade de Albanelería, unha profesión moi demandada polas empresas de construción nos últimos tempos.

Este proxecto inclúe, entre outras intervencións, o illamento térmico do edificio, a mellora da accesibilidade ou a creación dunha aula de cociña na que calquera asociación poda impartir cursos.

Tamén, fai unhas semanas, recibiuse o proxecto de reforma integral do pavillón número 1 do Sinde Vello. Para materializar esta obra presentouse dito proxecto a unha convocatoria de subvencións da Deputación de Pontevedra (PON2030), na que se valora especialmente a mellora da eficiencia enerxética dos inmobles. Esta obra está aliñada por tanto co Plan Rehabita.

Neste edificio crearanse espazos insonorizados para que os grupos podan ensaiar, despachos para as asociacións, salas de reunións, aulas de uso compartido, e dotarase a este edificio de accesibilidade coa introdución dun ascensor.

A través destes dous proxectos, que foron encargados a dous estudos de arquitectura da vila, realízase unha firme aposta pola mellora de espazos que teñen usos sociocomunitarios, culturais, etc, xa que en ámbolos dous edificios se atopan ubicadas, neste momento, varias asociacións da vila, que poderán ver melloradas as instalacións onde desenvolven a súa actividade.