Venres, 2 Maio de 2025

A Guarda reclama á Xunta melloras nos centros de ensino do municipio

O Concello da Guarda a través da Concellería de Educación, reitera novamente a petición mellora das instalacións dos Centros de Ensino do municipio ante a falla de investimentos por parte da Xefatura Territorial de Educación en Pontevedra.

En setembro de 2018, ante o inicio do novo curso escolar, e ante as poucas actuacións realizadas ao longo do verán, a Concelleira de Educación, Sra. Elena Baz, solicitou unha reunión co Delegado de Educación en Pontevedra, Sr. César Ares, para trasladarlle as diferentes demandas das diferentes ANPAS e direccións dos centros de ensino do municipio sen que, ata o momento, esta reunión se producira.

Para Elena Baz, o trato desigual que se ten cos Centros de Ensino da Guarda, en diferenza cos do resto da Comarca do Baixo Miño, constitúe un grave prexuízo, que provoca un deterioro das instalacións, xa de por si bastante antigas(algunhas delas contan con 30 anos de antiguedade) malia os traballos de mantemento levados a cabo ano a ano polo persoal municipal.

Engade a Concelleira de Educación da Guarda que é preciso acometer as melloras que xa teñen solicitado dende as diferentes ANPAS e direccións dos Centros de Ensino á maior brevidade, posto que constitúen actuacións primordiais como o son a ampliación da cuberta do patio infantil do CEIP Manuel Rodríguez Sinde, a mellora dos baños do CEIP-As Solanas, a renovación dos corredores e persianas do CEIP A Sangriña, entre outras.