Os armadores do palangre da Guarda reunidos en Orpagu teñen a ilusión de poñer en marcha unha planta frigorífica, que non só sirva para tratar directamente o produto de todos os seus asociados e experimentar con novos formatos, senón tamén para crear varios postos de traballo na zona.
Este soño está cada vez máis preto de ser unha realidade, aínda que desde a organización móstranse cautelosos “ata que non teñan ultimado o estudo de viabilidade e as posibles localizacións da nave”. Esta información, na que levan meses traballando, presentarase aos socios, que son os que finalmente tomarán a decisión.

Nesta liña de traballo, esta mañá o presidente e a xerente de Orpagu mantiveron unha reunión no Concello da Guarda co alcalde da localidade e o delegado do Estado na Zona Franca de Vigo para tratar diferentes temas de interese para os palangreiros guardeses.
Entre eles, falouse de posibles localizacións desa futura planta para que os responsables dispoñan de toda a información necesaria para trasladar posteriormente aos asociados na próxima xunta xeral. Tanto o rexedor local, Antonio Lomba, como o delegado de Zona Franca, David Regades, mostraron gran interese polo proxecto, que supoñería un paso máis da organización no seu afán por controlar a cadea de produción sempre desde A Guarda.
A Organización de Palangreiros Guardeses involucrouse hai anos na comercialización dos seus produtos, así como nos procesos de transformación dos mesmos e a súa venda directa ao consumidor. Neste sentido, o éxito da súa tenda online e a boa acollida das novas presentacións de peixe espada e atún contribuíron a fortalecer a presenza da marca destes armadores tanto en España como no exterior.
A planta frigorífica que agora estudan desde a organización dispoñería tamén dunha nave de procesado e unha aula de experimentación para seguir traballando en distintos formatos e presentacións para chegar ao maior público posible.