8.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoA GuardaO PSOE guardés asegura que o Goberno do PP "leva tarde, mal...

    O PSOE guardés asegura que o Goberno do PP “leva tarde, mal e a rastro uns orzamentos que amosan unha total falta de proxecto para a Guarda”

    O equipo de goberno presentou no pleno extraordinario do día 14 de marzo o novo orzamento para este ano, documento que tiña que estar xa aprobado antes de que acabara 2023, e que redactaron de forma unilateral sen ter en conta ao resto dos partidos políticos da Corporación.

    O Grupo Municipal Socialista da Guarda votou en contra, no último Pleno da Corporación aos orzamentos 2024 presentados polo goberno do PP que “amais de presentalos tarde, mal e a rastro”, afirma a portavoz municipal socialista, Fátima Rodríguez, amosan unha “total falta de proxecto para A Guarda.

    A portavoz do PSdeG-PSOE fixo un pormenorizado análise dos motivos que levaron ao seu grupo a votar en contra dos orzamentos, comezando porque, afirma, “amosan unha pésima xestión dos recursos do Concello” reservando este ano 23.570,17 € para levar a cabo melloras na rede de abastecemento da auga, “o que estaría moi ben se no 2023 non tiveran perdido 30.000 € dunha subvención conseguida por nós para o mesmo fin” afirma o Grupo municipal socialista que lamenta que o Concello teña “un equipo de goberno que perde subvencións (xa contabilizamos varias desde que están ao mando), e ten que quitar cartos do peto dos/as guardeses/as para facer as cousas”.

    Outro dos motivos é a falta de criterio á hora de investir os cartos xa que, afirma Fátima Rodríguez, “a maior inversión que realizarán con fondos propios (29.000 €) será na creación dun parque canino no Castelo de Santa Cruz. Se o que queren é dinamizar este elemento patrimonial, e postos a inverter diñeiro no mesmo, cremos que habería outras opcións mellores”.

    Entre esas “opcións mellores” os socialistas poñen o exemplo “da creación dunha área de lecer para nenos/as e adultos/as ao estilo do Parque dos Sentidos, ou destinalo a ser espazo que podan ocupar creadores/as locais ou foráneos/as de distintas disciplinas artísticas onde poder impartir formación, levar a cabo encontros, exposicións, etc., accións que polo menos axudarían a atraer visitantes e incluso habitantes á vila”.

    Asegura Rodríguez non estar en contra da creación dun parque canino pero “un ben patrimonial como o de Santa Cruz, non nos parece un sitio axeitado, estando ademais dita intervención á expensas da autorización de Patrimonio”.

    Outro dos motivos da negativa do Grupo Municipal Socialista a apoiar as contas para o 2024 é o que consideran “faltar á palabra coas asociacións e comisións de festas” e lembran que cando estaba o PP na oposición “pedían duplicar as subvencións a entidades de iniciativa social como San Xerome, Érguete, Avelaíña, etc., pero estando no poder xa non o consideran importante, posto que o orzamento non reflexa esa ampliación de asignacións”.

    Ademais, lembra o PSOE guardés, “durante a campaña electoral prometeron a todas as comisións de festas que asumirían instalación de carpas, baños portátiles, etc. pero no orzamento só aparece designación de fondos para unha única comisión de festas. Terán que facer enxeñería económica para cumprir as súas promesas, se é que as poden cumprir”.

    Unha cousa ten clara o PSOE, as contas presentadas “non teñen en conta as necesidades da Guarda: Non aparece neste orzamento ningunha partida para complementar a parte que non cubre a subvención de máis de 1 millón e medio de euros que acadáramos nós para a reforma da piscina municipal”.

    Na súa opinión tamén destinan poucos fondos ao mantemento dos centros educativos (esta tería sido unha das nosas prioridades para esta lexislatura, os edificios dos colexios son antigos e cada vez demandan máis arranxos).

    Reducen a inversión en accións de desenvolvemento local dirixidas aos negocios locais. Este ano destinan 3.000€, cando en 2022 se gastaron 17.000€, e en 2023 foron 8.000€.

    Reducen con respecto ao último orzamento as inversións para a redacción de proxectos. Un equipo de goberno que se prece sempre ten que ter na recámara varios proxectos redactados, para que cando xurda a oportunidade poda presentalos e conseguir subvencións coas que poñelos en marcha.

    Consideran que as expostas son razóns máis que suficentes para votar en contra duns orzamentos que reflicten a falla de xestión do equipo de goberno do PP, “da súa pouca visión e nulo proxecto de futuro que teñen para A Guarda”.

    “Que se pode esperar dun goberno sen chispa, sen motivación, que non realizou ata o de agora ningún cambio significativo. Un goberno ao que tanto parecía desgustarlle o noso traballo cando estaba en oposición, pero que agora copia e mantén a gran maioría das nosas iniciativas”, apunta a portavoz socialista, Fátima Rodríguez.

    “A poboación esperaba máis deles/as, e na rúa xa está o run-run de que neste Concello non hai rumbo ni ninguén o volante, e non hai rumbo porque o patrón do barco, en lugar de navegar, que sería o que se espera del, pois está a outras cousas…”, conclúen os e as socialistas da Guarda

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.