Sábado, 3 Maio de 2025

O Mago Teto chega á Guarda con Rock&Magic

O vindeiro xoves día 10 de agosto chega á Guarda unha das citas máis agardadas deste verán, Rock ‘n’ Magic, o novo show do Mago Teto, que terá lugar ás 20:30 h no auditorio de San Benito.

Rock ‘n’ Magic, dirixido por Fran Rei, é mais que un espectáculo de maxia; é un concerto de rock and roll. O Mago Teto, un dos mellores e máis populares magos do noso país, une o seu talento ao de Fer Risco na batería e Mon Orencio na guitarra, para construír un espectáculo onde a maxia convive con algúns dos clásicos do rock and roll.

Aparicións sorprendentes, xogos de adiviñanzas e pequenas e grandes ilusións máxicas comparten protagonismo coa música rock. Led Zeppelin, Bob Dylan, Los Suaves e infinidade de rock stars están presentes neste espectáculo a través dunha banda en directo que son o complemento perfecto á maxia do xenial Mago Teto.

Unha gran posta en escena, unha iluminación espectacular, participación do público, humor, maxia son os elementos que fan de Rock ‘n’ Magic un espectáculo único, posiblemente a experiencia teatral máis parecida a un concerto de rock.