Mércores, 11 Decembro de 2024

O Goberno da Guarda informa á Xunta de Portavoces das medidas adoptadas polo COVID-19

Na mañá do sábado día 28 de marzo o Salón de Plenos acolleu unha Xuntanza de Portavoces na que o alcalde, Antonio Lomba, e a tenente de alcalde, Montserrat Magallanes, deron conta das diferentes medidas adoptadas polo COVID-19 no municipio, así como todas as accións para evitar novos contaxios e para a súa prevención.

Neste senso o Alcalde da Guarda informou sobre os diferentes contactos mantidos coas administracións, asociacións, colectivos, empresas entre as que destacan a Federación Galega de Municipios e Provincias, a Subdelegación do Goberno, a Guardia Civil, Cruz Vermella, Conrazones, Avelaíña, San Xerome, San Vicente de Paúl, Residencia Santa Tecla, o Centro de Saúde da Guarda, usuarios do Servizo de Asistencia no Fogar, Equipos directivos de centros educativos, Servizo de alerta epidemiolóxica (SERGAS), Supermercados, Comandacia Naval do Miño, Confraría de Pescadores, Párrocos, Presidente da Cámara de Caminha, así como alcaldes e alcaldesas da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño.

Deuse conta da distribución e stock actual dos Equipos de Protección Individual(EPI´S) e dos materiais de protección a disposición dos servizos municipais, GES da Guarda, a Policía Local e Servizo de Axuda no Fogar(SAF).  Material que o concello pon a disposición das empresas e institucións que poidan necesitalo. Entre este material se atopan mascarillas FFP2, FFP1 e quirúrxicas, guantes, gel hidroalcohol, traxes impermeables, etc.

O Concello da Guarda quixo agradecer, novamente, o traballo e a colaboración de diferentes empresas locais que dende o inicio desta crise colaboraron de xeito desinteresado aportando material de protección para os Servizos dependentes do Concello, falamos de empresas como: Portalmatic, Marengo Cosmética Profesional, Recambios la Guardia, Clínica López Sousa, Tenda Porlospelos, Coser y Cantar,  Instituto dental Campos, Electrónica Eutimio, Clínica Dental Marina Obispo, Clínica Dental Rosa Mª Coedo, Clínica Dental Barros y Carrero, Clínica Obispo, Panadería Morales, entre outras.

Antonio Lomba deu conta tamén dos traballos de desinfección que se están a acometer en diferentes espazos e infraestruturas sensibles como da Praza de Abastos Municipal, das instalacións da Policía Local, do GES, de Servizos Sociais, as instalacións do vello edificio do Concello, do Novo e dos vehículos municipais. Estes espazos serán desinfectados de xeito semanal, ao igual que os vehículos da Policía Local, do GES e os de vías e obras.

Limpeza e desinfección

No apartado de limpeza e desinfección, actúan cada día brigadas nas que participan traballadores municipais, membros do GES e da Comunidade de Montes da Guarda. Encárganse de desinfectar e limpar os espazos públicos exteriores de maior afluencia e os seus arredores, coma por exemplo, o Centro de Saúde, entorno de supermercados e áreas comerciais, estancos e farmacias, Praza de Abastos, así coma os contedores da recollida selectiva do lixo, entre outros.

Estas accións de desinfección e limpeza recomendada, en lugares onde a afluencia de público e a posibilidade de contaxio son elevadas, seguen un protocolo establecido con produtos virucidas autorizados de nivel TP2 (Desinfección de superficies e área, uso ambiental).

Nesta Xunta de Portavoces tamén se informou da distribución de alimentos a persoas dos grupos de risco, un traballo que se está coordinando dende Servizos Sociais coa colaboración do GES e grupos de voluntarios, atendendo a un total de 50 familias, aportando alimentos perecedoiros procedentes do banco de alimentos e alimentos frescos aportados polo concello.

Comunicación e información

Antonio Lomba insistiu na gran difusión de informacións e recomendacións de interese para a cidadanía a través da páxina web municipal, que foi remaquetada e adaptada, así como a través das diferentes redes sociais municipais e o gabinete de comunicación e medios de prensa.

Neste senso se teñen realizado accións de comunicación sobre a Atención no centro de saúde, medidas preventivas, información sobre os servizos municipais e atención, transporte público, xulgado de paz e fronteiras, posta en marcha do auxilio a grupos de risco, renovación do DNI, demanda de emprego e certificados de empresa, tratamento de lixo de persoas con positivo ou con síntomas, información do CIM sobre contactos de atención á muller, información sobre garda e custodia de menores, información sobre cans e colonias felinas, entre outras.

Deuse conta ademais do primeiro paquete de medidas económicas con motivo da alarma polo virus COVID-19 para que ningún veciño da localidade teña que facer fronte a pagamentos ao concello mentres dure o estado de alarma e priorizar o pago a proveedores para dotar de liquidez ás empresas.

Informouse da posta en marcha de A Guarda Covid Makers, unha iniciativa en colaboración co IES A Sangriña e veciños e veciñas con coñecementos en impresión 3D, para a confección de máscaras de protección, que se empezarán a distribuir entre as persoas que as precisen a partires deste luns·   

A Colaboración cidadá está sendo esencial para favorecer a atención ás persoas dos grupos de risco, púxose en marcha un servizo de voluntariado a través da OMIX e Servizos Sociais para axudar nestas tarefas ás persoas que o soliciten.

Recursos para aliviar o confinamento

Para levar mellor o confinamento se informou da posta en marcha do portal de patrimonio ATOPO, realizado en colaboración coa Deputación de Pontevedra e no que se poden consultar numerosos arquivos históricos e fotografías da Guarda, unha maneira máis de entretemento para a cidadanía e de posta en valor do patrimonio material e inmaterial da nosa vila.

Tamén se ten informado aos usuarios da Biblioteca Pública Municipal da existencia da Plataforma en Liña GaliciaLe, onde se poden atopar e descargar numerosos libros, audios e videos.

Nesta vindeira semana informarase á cidadanía das empresas e postos da Praza de Abastos que están ofertando o servizo de entrega a domicilio, para evitar deste xeito os desprazamentos na medida do posible e facilitar as compras de alimentos frescos á poboación.