Sábado, 3 Maio de 2025

O Concello da Guarda reuniu aos seus portavoces para apoiar a permanencia do emprego na fábrica IMERYS

O pasado mércores 10 de febreiro o alcalde, Antonio Lomba reuniuse na Casa do Concello cos portavoces dos grupos municipais do PP, GMS, BNG e Converxencia Galega. Nesta reunión trasladouse aos portavoces a contestación remitida por IMERYS (antigas Cachadas) á moción debatida no último Pleno, en relación as transformacións na produción que se están introducindo na fábrica e que preocupan aos traballadores.

Nesta reunión os grupos municipais valoraron o escrito remitido pola empresa e determinaron que o máis axeitado sería que o contido do escrito se plasmara nun documento de acordo, coas matizacións que sexan necesarias, entre o Comité de Empresa e a Dirección.

No escrito dirixido ao concello a empresa asegura que “Actualmente a sección HPC (colada de alta presión) está a funcionar a pleno rendemento e xa ten un volume comprometido nos próximos seis meses, o que permitiu á compañía aumentar a forza de traballo”. Así mesmo a empresa asegura que “ neste contexto de crecemento do volume a compañía está a adaptar de novo o mix de produtos da planta. A decisión de modificar esta mestura de produtos na planta non repercutirá no nivel de emprego, e polo tanto, non repercutirá en ningunha das familias que forman parte da nosa organización”

O que desexa o concello é a permanencia dos postos de traballo e a estabilidade da empresa cunha forte implantación na comarca.