Sábado, 3 Maio de 2025

O Concello da Guarda felicita a Alicia González Álvarez no seu 100 aniversario

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a tenente de alcalde, Montse Magallanes, visitaron, o domingo 27 de febreiro, a Alicia González Álvarez para felicitala polo seu 100 aniversario.

Alicia, muller alegre e faladeira, memoria viva do barrio da Cruzada compartiu, en compañía do seu fillo, Sergio, e da súa filla, Carmen María, uns momentos de conversa cos representantes do concello, con quen conserva unha excelente relación.

Durante a conversa fixo numerosas referencias ao que fora alcalde da Guarda e benefactor do barrio, Brasilino Álvarez, o seu admirado tío.

Alicia Gonzalez fai gala dunha memoria prodixiosa, como di ela: “de cabeza estou ben, o malo son os osos.” Durante a visita fixo un repaso das principais tarefas e experiencias que ela, como outras moitas mulleres da mariña da Guarda, tivo que enfrontar durante a súa vida: dende a case esquecida actividade de petar a casca para curtir as redes, ir ao monte a por fruma ou feito, a praia ao argazo ou tender as redes a secar. “Unha vida de moito traballo pero divertida” segundo ela, porque “divertido é estar facendo cousas continuamente. O peor é estar parada”.

Alicia González Álvarez arranca un sorriso dos que a escoitan cando insinúa que os 100 anos lle pasaron moi rápido, como ela di: “parece mentira”.

Os representantes municipais quixeron facerlle unha homenaxe a Alicia desexándolle un feliz aniversario e que siga desfrutando da vida como ata agora. Entregáronlle uns pequenos agasallos e a familia mostrouse moi agradecida polo seu recoñecemento.