Sábado, 3 Maio de 2025

O concello da Guarda condena os actos de vandalismo acaecidos nos últimos días dentro do conflito laboral na fábrica de IKF

Dende o consistorio guardés esperan que se aclaren os incidentes e se identifiquen ao/aos responsables

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, vén de expresar o seu total rexeitamento, así como o do seu equipo de goberno, aos actos de vandalismo que están acaecendo nos arredores da fábrica de IKF, no mobiliario urbano así como nas vivendas de veciños da localidade.

O alcalde tacha estas actuacións de “actos totalmente reprobables e que non teñen cabida nun estado de dereito, dende o consistorio guardés apoiamos o diálogo e a concordia e desterramos calquera tipo de violencia e actos que son máis propios de condutas antidemocráticas”.

Dende o Concello guardés –continúa o alcalde guardés– “esiximos que estas actuacións cesen de inmediato e trasladamos a todas as partes a preocupación pola situación que se está xerando e polo futuro do centro de traballo, como temos sinalado en máis dunha ocasión, un dos máis importantes do municipio”.

O Concello guardés quixo tamén trasladar “a nosa solidariedade e todo o noso apoio as persoas e familias que nestes momentos se están vendo afectadas por estes comportamento antidemocráticos, desexamos que non volvan a repetirse e agardamos que se recupere a normalidade”.