O equipo de Goberno do Concello da Guarda na súa liña de humanizar espazos da vila ten previsto eliminar o estacionamento de vehículos na contorna da igrexa Parroquial e dotar este espazo de mobiliario para recuperalo para as persoas. Segundo a idea do Goberno local, o mobiliario urbano permitirá a circulación de vehículos pero “en ningún caso deixará espazos de estacionamento” agás a reserva dunha praza para persoas con mobilidade reducida e outra para carga e descarga.
Con esta idea, dende o concello, encargouse á arquitecta da localidade, Ana Lima, que fixera dúas propostas diferentes para que fora a propia cidadanía a que seleccionara a que mais lle gustara.

Chegado este punto o concello fai públicas as propostas a través de internet e mediante dous paneis no propio edificio municipal para que aquelas persoas que queiran participar na decisión, se acheguen a expresar a súa opinión nunha urna que estará emprazada no posto de información do novo Concello.
Poderán participar na votación os maiores de 16 anos empadroados na Guarda. Para exercer o dereito ao voto deberán facelo coa presentación do DNI. O proceso estará aberto dende o martes, día 16 de xuño as 9:00 h, ata o venres, día 19 ás 13:00 h, en horario de atención ao público (de 9:00 a 13:00). O resultado da votación farase público o luns día 22 de xuño.