O pasado mércores día 12 de febreiro, e promovida polas Concellerías de Turismo e Deenvolvemento Rural, tivo lugar na Guarda unha reunión dirixida ao comercio para estudar as oportunidades de negocio que ofrece o Camiño Portugués pola Costa, tanto polo seu crecemento exponencial coma coa vista posta na celebración do Xacobeo 2021.
Esta reunión deuse como unha xornada informativa sobre Camiño Portugués pola Costa, a súa evolución e impacto dende a aprobación parlamentaria alá polo 2009. Dende o 2010, coa apertura do albergue municipal e o pintado da sinalización, o número de peregrinos foi aumentando de ano a ano. Destaca o incremento nun 70 % dos peregrinos aloxados no albergue dende a súa oficialización en 2016 ata o 2019.
Para dar un servizo de calidade aos peregrinos que visitan A Guarda é importante que todos os servizos, o comercio e a hostalaría coñezan as necesidades específicas dos peregrinos e se traballe dun xeito unificado.
A Oficina de Turismo na Praza do Reló ademais de atender aos peregrinos, está dispoñible para clarexar calquera dúbida como que é un credencial, cales establecementos poden selar, onde se pode mercar o credencial, horarios do transbordador, e, en xeral, toda que la información que se precise a nivel turístico e técnico.
Con estes datos na man, outra das finalidades da reunión era a de mellorar a atención ofertada aos peregrinos e que se estableza unha comunicación eficaz entre a Oficina de Turismo e os establecementos comerciais para conseguir, dese xeito, que os peregrinos poidan estar informados adecuadamente e tamén que o comercio teña en conta esta nova oportunidade comercial, cun nicho de mercado novo e con moitas posibilidades, cunhas demandas concretas e que precisa dunha atención especializada.
Unhas das accións proposta foi a posta en marcha dun boletín de información práctica para os peregrinos. Os establecementos interesados poderán incluír os servizos e atencións dirixidas aos peregrinos no mesmo. Para isto é preciso que os establecementos remitan un mail a turismo@aguarda.es ou ben que contacten no 986 614 546.
Outra das accións obxecto de estudo é a identificación dos establecementos que teñan unha atención específica ao peregrino mediante un distintivo visible no exterior do mesmo.