Sábado, 3 Maio de 2025

O alcalde da Guarda reúnese cos traballadores de IKF

Desexa que se retomen as negociacións e se acaden acordos entre a dirección e comité de empresa "porque aínda hai marxe para conseguilos"

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, mantivo durante esta semana conversas cos traballadores e a dirección da empresa IKF para coñecer de primeira man os motivos do desencontro entre ambas partes e que motivaron a rotura das negociacións sobre un novo pacto.

Antonio Lomba trasladou a súa inquedanza a ambas partes pola actual situación e, a súa vez comentou cos traballadores que lle houbera gustado “ter unha xuntanza con eles antes de romper as negociacións”, como sucedera en anteriores ocasións.

O alcalde mostrou o “seu apoio aos traballadores e as súas familias” e trasladoulles a súa preocupación pola situación desta empresa, unha das mais importantes e grandes da localidade, “que forma parte da historia da comarca”, asegurou Lomba.

Así mesmo comunicou a dirección e comité de empresa o seu desexo de que retomen, a maior brevidade, as negociacións, xa que entende o rexedor guardés “que queda marxe para chegar a acordos e que para conseguilo debe haber cesións por ambas partes”.