Sábado, 3 Maio de 2025

Éxito nas accións formativas do proxecto de sensibilización sobre grandes incendios forestais na Guarda

A Universidade de Vigo e o Concello da Guarda comparten a preocupación sobre o cambio climático e o impacto que os Grandes Incendios Forestais teñen no territorio colaborando no proxecto FIREPOCTEP, coa realización de tres accións formativas: Fotovoz, Biblioteca Humana e a Feira do Gran Incendio Forestal. Este proxecto europeo está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER) no marco do Programa Interreg V A España – Portugal (POCTEP) 2014-2020.

No transcurso da mañá do 13 de decembro, realizouse a inauguración de “Fotovoz. Historia de vida dun Gran Incendio Forestal”, unha exposición participativa sobre incendios forestais na contorna de A Guarda. A presentación tivo lugar ás 11.00 horas na entrada do edificio do Concello da Guarda coa presencia do alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e a coordinadora das accións formativas da Universidade de Vigo e Vicerrectora de Benestar, Equidade e Diversidade, María Isabel Doval. Ambas autoridades compartiron a necesidade de traballar na prevención dende a educación como medio para acadar unha maior conciencia sobre o valor que os bosques e as contornas naturais xeran e da necesidade de implantar accións innovadoras con materiais didácticos adaptados.  A acción estará aberta a toda a cidadanía ata o mércores 14 de decembro e o obxectivo é plasmar unha realidade comunitaria a través da fotografía e dos relatos das persoas que viviron incendios forestais. Para iso, contouse coa colaboración da veciñanza de A Guarda que cederon fotografías de incendios acontencidos na contorna. Entre os autores destacan xornalistas e persoal da loita contra o lume. Asemade, a exposición conta cun libro de testemuñas para que as persoas visitantes poidan plasmar as súas emocións e  lembranzas de situacións vividas co lume para crear un relato compartido da realidade sobre os incendios forestais.

A segunda das accións de sensibilización do día realizouse na tarde do 13 de decembro de 17:00 h a 19:30 h horas na Biblioteca de A Guarda. A actividade “Biblioteca humana. Testimonios dun gran incendio forestal” creou un espazo no que persoas vencelladas a grandes incendios forestais relataban as súas vivencias, como se fosen libros vivos. As persoas que relataron as súas testemuñas foron unha bombeira e un bombeiro forestais e bombeiros do GES de A Guarda. Na intimidade do espazo da biblioteca municipal de A Guarda puideronse escoitar as historias persoais e facer preguntas que normalmente non se dan, creando un ambiente distendido no que compartir experiencias extremas, como a perda de compañeiros na extinción de incendios, e bonitas como cando os seus fillos e fillas ao chegar a casa os ven como heroes e heroínas. Outro momento a destacar foi o dunha nai brasileira dun bombeiro forestal en Brasil que compartiu a súa vivencia de angustia cada vez que o seu fillo vai a unha emerxencia, pero tamén o sentimento de orgullo que sinte por el.

Tamén se falou moito da necesidade de prevención, de manter os montes limpos, de manter as franxas cortalumes e de como, pouco a pouco, parece que asoma unha maior conciencia social e ambiental vencellada á reforestación con especies autóctonas para ir diminuíndo as especies invasoras pirófilas como os eucaliptos ou as acacias. Tamén reivindicaron a necesidade de contar con máis recursos, tanto humanos como materiais, por parte da administración autonómica para traballar máis na prevención, que na extinción de lumes.

O proxecto da Universidade de Vigo, coordinado por Juan Picos e a parte formativa por María Isabel Doval, pretenden xerar un espazo de diálogo sobre os grandes incendios forestais co que se poderá chegar a conclusións importantes para o territorio. Algunhas destas reflexións xiran ao redor da importancia de manter a vida nos ámbitos rurais como loita contra o cambio climático e, ao mesmo tempo, contra os incendios forestais.

O mércores 14 será a quenda da terceira actividade no CEIP Manuel Rodríguez Sinde, a “Feira do Gran Incendio Forestal”. O obxectivo é achegar á comunidade educativa e, en concreto ao profesorado e ao alumnado do CEIP, testemuñas e materiais para concienciar sobre os lumes e os seus efectos no territorio. O encontro terá tres escenarios diferentes: o rincón do libro (con libros infantís e xuvenís sobre incendios forestais), o rincón do vídeo (con materiais audiovisuais) e o rincón da experiencia (co testimonio de persoas de A Guarda vencelladas aos equipos de extinción de incendios).