Sábado, 3 Maio de 2025

Continúa aberto o prazo de solicitude de axudas pola pandemia para os negocios da Guarda

Esta liña de axudas está dirixida a negocios e entidades do 3º sector que desenvolvan actividades económicas, e conta cunha partida orzamentaria de 75.000€

Desde o inicio da pandemia o Concello da Guarda leva posto en marcha diversas actuacións para axudar a paliar os efectos económicos desta crise.

Recentemente ven de finalizar o prazo de presentación de solicitudes para a primeira liña de axudas, que estaba dirixida a aqueles negocios que tiveron que pechar temporalmente a raíz da Orde do 26 de xaneiro de 2021, e que obrigou ao cese de actividade en ximnasios, piscinas, establecementos de restauración ou albergues turísticos, entre outros.

Presentáronse a esta convocatoria un total de 42 empresas, fundamentalmente do sector da hostalería. A estas axudas, que ascendían a un máximo de 700€ por negocio, súmanse a redución do 25% na taxa de lixo que se aplicou a todos os negocios da vila que o solicitaron, e que foi aplicada a un total de 70 establecementos.

Outra das medidas urxentes postas en marcha polo Concello para apoiar ao sector da hostalería consistiu en facilitar a instalación ou ampliación de terrazas, así como a eliminación do cobro das taxas por ocupación de vía pública, tanto durante o ano 2020 como durante o presente ano.  

Desde o Concello recordamos que ata o 8 de xullo seguirá aberta a convocatoria para solicitar a segunda liña de axudas que está dirixida a negocios en xeral e entidades do 3º sector que desenvolvan actividades económicas na vila.

Cada beneficiario/a poderá recibir ata un máximo de 300 euros en función da contía xustificada.

O rango de gastos subvencionables nesta convocatoria incluirían gastos en material de prevención da COVID, inversións necesarias para adaptar o negocio á pandemia, incluso gastos de arrendamento e de cotas de autónomos e Seguridade Social.  

As solicitudes presentaranse ben de xeito presencial no Rexistro Xeral do Concello da Guarda, ben de forma telemática a través da sede electrónica www.aguarda.sedelectronica.gal.