Debido aos graves danos sufridos durante a tarde de onte nas carpas instaladas na Praza de Avelino Vicente, a empresa encargada da súa montaxe decidiu retiralas todas ante a posibilidade de que as dúas que quedaron en pé puideran acabar sendo danadas durante a noite polas fortes rachas de vento.
Por este motivo o Concello da Guarda mirouse na obriga de suspender o Mercado de Nadal tal e como estaba concibido e tratará de “manter as foodtrucks que tiñamos previsión de que comezasen a funcionar a pleno rendemento durante a próxima fin de semana”. Na medida do posible, anunciou o Goberno que preside Antonio Lomba, “buscaremos algunha outra alternativa para conseguir que, a pesares do mal tempo, podamos gozar dun Nadal cunhas rúas cheas de vida”.
Así, pese ao mal tempo, esta vindeira fin de semana a Guarda congrega varias actividades para todas as idades enmarcadas na Programación de Nadal 2019/20 con música, chocolatadas, Pista de Xeo e moito máis.
Dende o Concello recórdase que as fotos do Nadal na Guarda teñen premio, cun sorteo de puntos para a Pista de Xeo entre todos os que compartan as súas fotos cos hashtags #AGuardaéNadal e #NadalnaGuarda nas Redes Sociais.
Pista de Xeo
A Alameda da Guarda conta xa cunha Pista de Xeo que estará en funcionamento ata o 19 de xaneiro.
O horario da Pista de xeo é de Luns a venres de 16:00h a 21:30h e as fins de semana de 12:00h a 14:00h e de 16:00h a 21:30h, cun horario especial para o 25 de decembro, 5 e 6 de xaneiro de 16:00h a 21:30h e os días 24 e 31 de decembro de 12:00h a 14:00h e de 16:00h a 20:00h.
Este ano establécese un sistema de puntos que permitirá facer promocións a través das empresas locais, cada entrada para a Pista de Xeo terá un custo de 7 puntos e cada punto terá un valor de 1 €. Todos aqueles comercios que desexen dispor de puntos para a Pista de Xeo poderán mercar os que desexen na empresa colaboradora Informática San Benito no teléfono 986 60 89 20. As empresas que se adhiran ao sistema de puntos deberán de manter o seu compromiso de dispor de puntos nos seus establecementos ao longo da duración da campaña de Nadal, do 5 ao 19 de xaneiro, o seu reparto entre os seus clientes queda á elección de cada comerciante, os puntos que non se consuman ao remate da campaña serán reembolsados.
Chocolatada de Acigu
Doutra banda, a Asociación de Empresarios Acigu CCA organiza a partires das 10:00 h da mañá deste sábado unha chocolatada na Praza do Monterreal, en caso de choiva realizarase na Casa dos Alonso.
Cantos de Nadal
Tamén o sábado desenvolverase a iniciativa “Cantos de Nadal” unha iniciativa que pretende alegrar e compartir o espírito do Nadal polas Rúas da Guarda contando coa participación de 6 grupos musicais da zona que amenizarán a todos os presentes na Casa dos Alonso.
A partires das 18:30h os grupos O Trebón dos Xidos, Agrupación Cultural Guardesa (Cantaruxas e Merliños), Coiro Vello, A Boalleira, Paliqueiras, Carainas, Do Lusco ó Fusco, Tambaluca e o Grupo da Terceira Idade da Guarda interpretarán varias pezas musicais.
Exposición de Pintura MixMedia “anetadocamilo”
O vindeiro sábado día 21 de decembro ás 13:00h a Casa dos Alonso acolle a inauguración da Exposición de Pintura «anetadocamilo», alcume utilizado por Beatriz Bascoy Cao para expresar con pintura o que con palabras non pode.
Segundo explica a artista, «anetadocamilo» é un xeito de expresar inquedanzas, sentimentos, de sumirse nun mundo de cor paralelo a un mundo real con demasiados tonos de grises.
Para esta exposición Beatriz Bascoy traballa coa técnica Mixmedia, unha combinación dunha ou máis técnicas artísticas, de traballo e materiais no lenzo.
«anetadocamilo» avanza por un camiño onde se segue a emocionar cando unha persoa se para ante unha das súas obras e é capaz de sentir. Esa sensación non mudou dende o principio desta viaxe …Ben sexa en lugares tan diferentes como os pendellos de Agolada ou a Menier Gallery de Londres.
Esta exposición enmárcase na Programación de Nadal 2019/20 do Concello da Guarda e se pode visitar ata o 4 de xaneiro na pranta baixa da Casa dos Alonso en horario de 8:00h a 15:00h de Luns a venres.
Actuación de Gaitas
O sábado ás 16:30h o Clube da Terceira Idade da Guarda acolle a actuación do Grupo de Gaitas deste clube, con entrada libre para todo o público.
Concerto de Panxoliñas
Na xornada do Domingo día 22 de decembro a Igrexa Parroquial da Guarda acolle un Concerto de Panxoliñas organizado pola Agrupación Coral Polifónica da Guarda e que terá lugar a partires das 17:00h.